Site icon Crónica3.com A Mariña

Miñones destaca que a Lei da Cadea Alimentaria garantirá prezos xustos para os produtores agrogandeiros no contexto dun mercado máis equilibrado e transparente

Chantada, 3 de xaneiro de 2022. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que a nova Lei da Cadea Alimentaria marcará un antes e un despois nas relacións que manteñen as industrias produtoras, a distribución e os mercados ao “garantir uns prezos máis xustos para os produtores que, como sabemos, son o elo máis débil da cadea”. José Miñones fixo esta valoración da nova Lei durante unha visita que efectou á empresa láctea Airas Moniz, de Chantada, tras recibir unha das distincións dos Premios Alimentos de España 2021.

José Miñones explicou que nova Lei 16/2021 da Cadea Alimentaria, que entrou en vigor este mes, transpón a directiva europea contra as prácticas comerciais desleais e aposta por un mercado máis transparente, xusto e equilibrado.

O delegado recoñeceu as dificultades puntuais que atravesan algúns sectores, especialmente o lácteo, polo encarecemento dos custos de produción como os produtos de alimentación animal e a enerxía.Neste senso, lembrou que un dos obxectivos fundamentais da nova Lei é acadar que os prezos que se paguen ao vendedor estean sempre por encima dos custos de produción, como demandan as organizacións agrarias.

Sobre os custos da enerxía, avanzou que o Goberno ten en marcha un programa específico de subvencións para mellorar a eficiencia enerxética das explotacións, que en Galicia xestiona a través da Xunta, cun orzamento de 30M€. Por outra banda, os orzamentos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para 2022 adicarán 118,3M€ para modernizar as explotacións con medidas de eficiencia enerxética e uso de renovables.

José Miñones fixo tamén balance dos pagos de achegas directas da Política Agraria Común (PAC) da campaña 2021. Estes alcanzaron en Galicia, a 31 de decembro, os 147.002.389,17 euros. Suman o pago básico, o de prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente, o de agricultores mozos, pequenos agricultores e a achega asociada voluntaria.

O delegado destacou que o sector agroalimentario, que foi central na resistencia contra a pandemia, garantindo a subministración de alimentos, debe ser tamén protagonista da etapa de recuperación económica. Apuntou que ten diante unha excelente oportunidade pola confluencia de varios instrumentos de apoio: a nova Política Agraria Común (PAC), cuns fondos de 47.724 M€ para o período 2023-27, e a aplicación dos fondos europeos de recuperación, que no compoñente para o sector primario dispón dun orzamento de 1.051M€. “O Goberno cumpriu cos prazos marcados por Bruxelas, e xa enviamos a Europa o Plan Estratéxico da Pac que nos permitirá acceder a este instrumento clave no futuro do sector”, engadiu

Airas Moniz
Na súa visita ás instalacións da empresa Airas Moniz, José Minoñes destacou o exemplo que dá do sector agroalimentario galego que camiña hacia a sostibilidade, a competitividade e a calidade sen perder de vista o territorio. Alí, o delegado coñeceu da man dos propietarios os equipamentos e as melloras que introduciron nos procesos de fabricación.
José Miñones felicitou aos propietarios e ao persoal polo seu esforzo e o espíritu de emprendemento que se adaptou ás demandas do mercado ofrecendo queixos elaborados con materias primas da contorna. Un destes queixos, o “Savel”, resultou galardoado co premio ao mellor queixo azul no certame de Premios Alimentos de España 2021, que concede o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Exit mobile version