A Coruña, 1 de xaneiro de 2022. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, apunta que este 2022 que comeza será o ano do despegue da recuperación dende os municipios de Galicia, “o ano da transformación desde os concellos”. José Miñones fixo balance dos seus primeiros nove meses no cargo de delegado, que viñeron marcados por un especial compoñente municipalista e a atención aos gobernos locais desde o terreo: “Cando tomei posesión, puxen os concellos e a cidadanía de Galicia como elementos centrais do meu discurso e da miña actividade pública levando as iniciativas, oportunidades e investimentos do Goberno de España a cada cidade, vila e aldea”, indicou. Neste liña, de forma simbólica, lembrou que a súa primeira visita institucional como delegado foi ao concello menos poboado de Galicia, Negueira de Muñiz, e a última ao concello máis extenso, A Fonsagrada.
José Miñones apuntou que dar voz ao municipalismo levouno a visitar nestes meses 62 concellos de toda Galicia e a manter reunións e recibir a máis de 80 alcaldes e alcaldesas para abordar temas específicos do seu territorio. Un traballo diario “para coñecer como vive a Galicia, a urbana e a rural, e dar resposta ás principais inquedanzas dos gobernos locais nas súas relacións co Goberno de España”. En paralelo, o delegado estreitou a colaboración coas catro deputacións provinciais e coa FEGAMP a través de visitas e distintas reunións cos seus responsables.
Plan de Recuperación
O vindeiro ano 2022 estará marcado pola execución dos proxectos que xa aprobou nestes meses o Goberno dento do Plan de Recuperación, Trasformación e Resiliencia. O delegado lembrou que xa hai 641 millóns de euros aprobados para Galicia e que gran parte deles serán impulsados precisamente polos concellos. “Os municipios son panca da recuperación”, sinalou, ao tempo que lembrou que cada un dos 30 compoñentes do Plan de Recuperación conta con presencia municipal, de xeito directo ou indirecto. “Por iso debemos falar dos concellos como protagonistas da recuperación no vindeiro ano”, insistiu.
José Miñones lembrou que Galicia ten por diante “unha oportunidade sen precedentes” con estes fondos extraordinarios pero tamén “un enorme reto”. Nesta liña, apuntou que moitas das partidas aprobadas polo Goberno serán transferidas e xestionadas pola Xunta de Galicia, á que chamou a colaborar para “non perder nin un só euro” e non repetir erros pasados. Así, puxo como exemplo os fondos do Plan de Vivenda 2018-2021, nos que dos 82 millóns de euros que xestionou a Xunta, 40 quedaron sen executar. “Isto non podemos permitilo”, dixo.
Entre os proxectos que comenzarán a executarse neste 2022, José Miñones destacou os 22 plans de sostibilidade turística en destino e as actuacións de rehabilitación nos Camiños de Santiago, que mobilizarán 80 millóns de euros para transformar o turismo e o patrimonio de uso turístico; o Programa UNICO-Banda Ancha (19 M de euros) que levará Internet de banda ancha a 60.000 fogares e empresas de 278 concellos de Galicia que non contaban con este servizo esencial. En vivenda, convocaranse as axudas correspondentes aos programas de rehabilitación para a recuperación económica e social en contornas urbanas, destinados a acelerar a rehabilitación de vivendas, barrios e pobos. En 2022 haberá 67,2 millóns de euros cos que se poderán afrontar máis de 1.500 actuacións en vivendas de toda Galicia.
Seguirase avanzando na eficiencia enerxética dos Concellos coa convocatoria do programa DUS-5000 de axudas para proxectos de enerxías limpias en municipios do reto demográfico (5,7 M de euros para Galicia) e ademais seguirán a executarse os proxectos financiados polo IDAE (Ministerio para a Transición Ecolóxica) en distintas vilas e cidades, que recibiron ata 166 millóns de euros nesta convocatoria.
E, non menos importante, o Goberno apoiará a transformacióndas administracións locais, para facelas máis modernas e accesibles. O ano pasado convocáronse as primeiras axudas destinadas a poboacións de máis de 50.000 habitantes e nos próximos meses sairá a convocatoria para o resto de Concellos.
Reto Demográfico
No seu balance, o delegado do Goberno amosou ademais o seu convencemento de que os concellos do rural deben contar cos mesmos servizos públicos que os concellos urbanos. “O Goberno de España traballa con este obxectivo, o de promover a cohesión territorial no conxunto do país”, apuntou, xa que é un dos instrumentos para loitar contra o principal reto ao que se enfrenta España e Galicia: o despoboamento.
José Miñones lembrou que 252 concellos de Galicia entran dentro da categoría de reto demográfico e que o Goberno traballa para dotalos dun estatuto legal propio e adaptado aos problemas que afrontan os seus gobernos.
“Durante estes meses achegueime a moitos dos concellos máis pequenos de Galicia e puiden comprobar como o Goberno pode chegar a toda a cidadanía facilitando o acceso a servizos públicos de calidade e en igualdade de condicións que os que reciben os cidadáns das cidades”, explicou.
Entre estes servizos, o delegado mencionou como exemplo o traballo dos carteiros rurais, unha aposta da empresa pública Correos para facilitar xestións administrativas e financeiras a habitantes das zonas rurais de toda Galicia. Precisamente, unha das últimas visitas que efectuou José Miñones incluíu unha parada en Negueira de Muñiz (Lugo), onde coñeceu como se presta este servizo no Concello menos poboado da Comunidade.