A Coruña, 10 de xaneiro de 2022. Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán están de volta… e media! Logo do éxito de Somos Criminais, o espectáculo que máis entradas vendeu na historia de Galicia, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán volven aos teatros cun novo espectáculo. Como segundas partes nunca foron boas, chega directamente Somos Criminais 3.
Se na primeira parte Carlos e Touri tentaban explicar se había un crime autóctono galego, en Somos Criminais 3 intentarán descubrir se os galegos somos criminais no sentido menos criminal do termo. Temos unha forma propia de ser e estar no mundo?. Son certos os tópicos que circulan sobre nós?. Somos diferentes, parecidos ou iguais ao resto do mundo?
Deste xeito, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para descifrar como somos e averiguar por que somos como somos. Trátase dun espectáculo completamente novo que conta outra vez coa dirección de Tito Asorey e os textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.
Logo da estrea na Illa de Arousa, a obra pasou polo Teatro Colón da Coruña, o Auditorio Municipal de Ourense, o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, o Auditorio Municipal de Narón e o Teatro Afundación de Vigo acumulando máis de 16.500 espectadores. Chega agora ao Auditorio Gustavo Freire con 4 funcións previstas para os días 14 e 15 de xaneiro. A final de mes, os días 29 e 30, Somos Criminais 3 chegará á Casa da Cultura de Burela.
A venda de entradas está dispoñible en somoscriminais.gal onte tamén se poden consultar o resto de datas do espectáculo.