Ribadeo, 18 de xaneiro de 2022. O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, destaca as tarefas de mantemento realizadas no céspede do estadio Pepe Barrera a mediados de tempada, agora no inverno. Deste xeito responde ás críticas vertidas polo PP ao que lle lembra a pequena achega realizada pola Xunta no seu día para a mellora do campo. A Jorge Díaz Freije chámalle a atención que os populares se preocupen agora por estas cuestións.
O edil ribadense cre que “a valoración técnica é a máis importante e o que se trata é de informar, cousa da que eles non están pola labor. Lévano facendo noutras áreas e non ía ser diferente neste caso. O estado do campo do Pepe Barrera levou, hai un mes, un mantemento de mediados de tempada no que se pincha, se resembra, se abona e se volve meter outra vez substrato para que teña forza e aguante todo o que queda de tempada futbolística. Isto leva un proceso. Normalmente no verán ou na primavera nótase antes, pero no inverno tarda un pouquiño máis en facer efecto e que se vexa”.
O concelleiro de Deportes dixo que “como xa nos teñen acostumados estes grandes sabedores de todo, que é o grupo popular, e agora tamén teñen un xardineiro fiel que se dedica ao tema dos campos de fútbol, parece ser que teñen un criterio diferente e desde logo que non vai acorde coa situación do céspede”.
Jorge Díaz engadiu que “tamén quedo atónito coas declaración sobre o tema económico. Agora parecer ser que lles interesa o campo e o que custou. Cando foi a hora de poñer ese terzo que lle tocaba a cada administración, neste caso é a Xunta non é que puxera un terzo, puxo tan só un terzo dun terzo. Hai por aí uns pictogramas coas cantidades, que é exactamente o que puxo a administración galega”.