É unha realidade case tautolóxica que o uso das diversas linguas non se axusta con exactitude ás fronteiras administrativas. É unha evidencia científica, ratificada dende os tempos de Dámaso Alonso nos anos 40 do século XX por todos os dialectólogos, que o galego que falan uns 40.000 cidadáns asturianos (5% da poboación das Asturies) dos 19 concellos do oeste do Principado é unha variante dialectal do galego, o galego oriental, que partillan tamén os galegofalantes do Berzo e da Seara (administrativamente en Castela-León) e os galegos da parte máis ao leste da Galicia administrativa.
Velaí que a Real Academia Galega (RAG) cumprise coa súa obriga cando se dirixiu ás autoridades do Principado para que o galego fose recoñecido como lingua oficial na vindeira reforma do Estatuto asturiano, canda a llingua asturiana, falada no resto do Principado, no norte da provincia de León e na vila portuguesa de Miranda do Douro. Propuña a RAG o modelo da lingua occitana en Catalunya, chamada aranés no val de Arán. Na área territorial do val de Arán o occitano é oficial canda o castelán e o catalán, que son oficiais no resto do territorio. Mais as persoas falantes do aranés teñen dereito a se dirixir na devandita lingua ás autoridades da Generalitat, mesmo que estean fóra do val de Arán, por exemplo en Barcelona.
Contra toda evidencia científica, o discurso de determinados elementos asturianistas é negar a galeguidade da lingua falada no occidente astur, que no canto dunha variedade dialectal do galego sería unha fala de transición (eonaviego) hoxe e mañá, a pouco que aprofonden nesa ladaíña acientífica, unha fala máis ou menos conectada coa llingua asturiana. Unha teima semellante- e conexa- á de chamar ría del Eo á que sempre foi na cartografía internacional ría de Ribadeo. Esa galega vila de Ribadeo que constitúe o centro comercial e urbano de referencia para as xentes do Occidente astor, contribuíndo non pouco ao mantemento do galego nese territorio.
Ogallá a cidadanía astur sexa quen de introducir a oficialidade da súa llingua no seu Estatuto. Mais ogallá que as entidades que defenden a llingua deprendan defendela en cooperación e nunca competición coa lingua galega. Señoras e señores asturianistas, non se trabuquen vostedes de inimigo.
Por certo que Xunta ten competencias e responsabilidades canto á promoción e ensino do galego na Galicia exterior, consonte cos artigos 35 do noso Estatuto e 21.2 da Lei de normalización lingüística. Sabemos que estas competencias se exerceron no Berzo, mais nunca en Asturies. Que fixo ao respecto a Secretaria xeral de Política Lingüística? É certo que os gobernos do Principado todos rexeitaron introducir o ensino do galego no Occidente astur?