Ribadeo, 14 de xaneiro de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, asina un Bando para informar á poboación das medidas que deben aplicar para evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas silvestres de calquera especie por mor da situación epidemiolóxica en España da Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade, é dicir polo risco de gripe aviar.
No Bando o rexedor sinala “que dende a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia remitiuse a este concello “Comunicación de situación de risco en relación á influencia aviaria en aves” solicitando a súa difusión entre todos os veciños e veciñas de Ribadeo. No referido escrito establécense unha serie de medidas que se deben aplicar co fin de evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas con aves silvestres de calquera especie por mor da situación epidemiolóxica en España con respecto á Influenza Aviaria de Alta Patoxenicidade (IAAP), destacando que o Concello de Ribadeo está clasificado como zona ZEV, isto é, cun risco alto”.
E engade que “para maior comprensión desta problemática e das medidas a tomar, xúntase a comunicación recibida ao respecto por parte da Consellería do Medio Rural. Para calquera dúbida ou aclaración poden contactar coa referida Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, nos teléfonos 981 544 777 – 881 999 070 ou no correo electrónico mediorural.dxgaia@xunta.gal”.
Na comunicación enviada desde a Xunta ao Concello sublíñase que “se prohibe a cría de aves ao aire libre: todos os propietarios de aves deben recluílas en instalacións pechadas a cuberto. Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo parrulos, gaivotas e similares. Queda prohibida a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral. Prohíbese darlles ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes ás que puideran ter accedido aves silvestres. Quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo, comerciais ou non, tanto de aves de curral como doutras distintas a estas. E é obrigatoria a inscrición dos currais familiares de autoconsumo no rexistro galego de explotacións avícolas da Consellería de Medio Rural”.
Tamén hai recomendacións para as persoas relacionadas con granxas avícolas comerciais e sinalan que “é moi importante trasladar aos cidadáns que o serotipo do virus IAAP circulante actualmente é o H5N1, cunha elevada mortalidade entre as aves, pero sen evidencias de potencial zoonótico, é dicir de transmisibilidade ás persoas”.