Burela, 5 de xaneiro de 2021. En Burela acaba de entrar en funcionamento unha estación medidora da calidade do aire, que foi instalada no centro da localidade, concretamente no patio da escola de música. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que é importante desde o punto de vista medio ambiental e sinala que tamén se usará para divulgación nos centros educativos. Hoxe esa estación indica que a calidade do aire en Burela é moi boa.
O rexedor explica que “entrou en funcionamento unha estación medidora da calidade do aire, que se colocou no patio da escola de música de Burela. Foi instalada por Alcoa de acordo co Concello e para nós é importante porque mide a calidade do aire e detecta as partículas que poden ser nocivas ou non e serve para saber se hai que tomar algunha medida”.
Para Alfredo Llano “é unha cuestión necesaria medioambientalmente, para ver que se están facendo ben as cousas e para que poidamos ter a garantía e a confianza de que estamos nun sitio onde se pode respirar perfectamente”.
O alcalde de Burela sinala que “os datos que recolle esta estación vanse enviar á Xunta de Galicia para que sexa coñecedora deles tamén. E ademais eu quero darlle un contido educativo, para que poida ser aproveitada para coñecemento e divulgación nos colexios e nos institutos; pódese facer algunha visita ou charlas nos propios centros para explicar como funciona esta estación”.
Llano engade: “colocouse no centro do pobo, nun lugar que normalmente debe ser un bo indicador do aire que está circulando polo noso concello e para detectar se hai algunha partícula que puidera ser necesario atallala o antes posible. É unha caseta que ten dentro uns medidores, aparatos de moita calidade que detectan de forma continua e inmediata todo o que está ocorrendo no noso concello e cuestión de calidade do aire. Xa empezou a funcionar e os veciños de Burela deben saber que agora mesmo a calidade do aire que temos é moi boa”.