Mondoñedo, 19 de xaneiro de 2022. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Mondoñedo a empresa de biomasa Biegal que, segundo dixo, representa a dobre aposta que Galicia está facendo polas enerxías renovables e a valorización da cadea monte-industria.
Actualmente, esta empresa de recente creación está a acometer investimentos de máis de un millón de euros aos que a Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), achega 330.000 euros. Son axudas para a posta en marcha dunha planta de estelado onde desenvolver todas as fases do proceso de produción de estela de madeira, tanto para xerar enerxía térmica no eido industrial como en edificios públicos ou residenciais. E, por outra banda, estes apoios tamén van destinados á implantación de nova tecnoloxía para o acondicionamento do parque de biomasa e para a instalación dunha manipuladora de materiais.
A Xunta quere estar ao lado das empresas do sector forestal porque apoiar esta industria significa apostar por unha industria sustentable e estratéxica, polo medio rural e o emprego, ao tempo que coidamos e facemos máis produtivo o noso monte. “Biegal é un exemplo claro da oportunidade que temos en Galicia para favorecer o investimento en enerxías renovables e para que a biomasa sexa tamén un elemento de transformación que permita desenvolver novas tecnoloxías e novos proxectos, neste caso, vinculados ao medio rural”, dixo Conde.
Nese sentido, as liñas de axuda da Xunta a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) teñen por obxectivo: modernizar o sector; dar valor engadido a toda a cadea de valor a través da innovación, a I+D e os novos usos da madeira; e impulsar a economía circular e o aproveitamento dos recursos forestais apostando por fontes de enerxía como a biomasa. En total, o pasado ano estas liñas de apoio chegaron a 147 empresas e asociacións —como é o caso de Biegal— cunha contía de 13,6 millóns de euros que mobilizaron máis de 34 millóns de euros en Galicia.
Galicia é un referente na produción de biomasa, que é a primeira fonte de enerxía primaria autóctona na Comunidade e xera 3500 empregos directos.