O vicepresidente económico achegouse ao polígono industrial dos Acivros para supervisar as obras que se acometeron nos últimos meses por 1,1M€ e nas que contou co apoio da Xunta, que achega máis do 80 por cento (884.000 euros): a mellora da subministración eléctrica e a ampliación da EDAR, para contribuír, así, á chegada de novas empresas.
Son actuacións que a Xunta leva apoiado a través das liñas de axuda para a mellora dos parques empresariais de Galicia, consciente de que é clave para favorecer a actividade das empresas asentadas e das que buscan instalarse nunha área industrial que responda ás súas necesidades.
Nese sentido, este ano son máis de 8M€ os que a Administración autonómica destina en toda Galicia para modernizar as infraestruturas dos polígonos empresariais galegos, tanto viarias como de xestión de residuos, depuración de augas ou sistemas de vixilancia e antiincendios (3,2M€). Tamén para apoiar a construción, a reforma ou o equipamento de naves nas cales se vaian implantar viveiros industriais (1,5M€). E para desenvolver melloras enerxéticas (3,6M€), como o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica; ou, como novidade este ano, para a instalación de servizos de subministración de gas e hidróxeno.
Trátase de tres liñas axudas, que se convocarán o vindeiro 26 de xaneiro, para impulsar a competitividade económica dos concellos galegos que contribúen a captar novos investimentos cara o tecido produtivo. Desde a súa posta en marcha, permitiron impulsar 690 proxectos de mellora e modernización de infraestruturas, viveiros industriais e proxectos de redes de distribución.
No polígono dos Acivros, o vicepresidente económico tamén tivo ocasión de visitar a empresa Daveiga, especializada na produción das recoñecidas galletas mariñeiras —das que elabora cada día 4000 quilos— e que está a ampliar as súas instalacións en máis de 5.000m². Conde cualificouna como unha empresa comprometida coa calidade, os traballadores e o territorio á que a Xunta leva apoiado no seu proceso de dixitalización e internacionalización.