O rexedor sinalou que “o piragüismo é practicamente dos últimos deportes que non estaban en igualdade de condicións co resto dos máis maioritarios, aínda que este non é minoritario porque agora ten moita xente. Hai outros, que non veñen a conto aquí, que requiren moitísimos recursos e moitas veces se ven cousas na prensa que decepcionan un pouco coa cantidade de recursos que se meten, e hai outros que en comparación non teñen nin auga quente, como é o caso, e que necesitamos darlle unha saída inmediata”. Suárez Barcia lembrou que “hai como tres anos resolvemos esa cuestión da auga quente para o remo, pero hai tres anos que o remo ten auga quente e o piragüismo non. Entón é o momento de que se melloren estas instalacións para que todos os rapaces e rapazas dun deporte tan duro como é o contacto coa ría, coa auga e coa friaxe, que polo menos poidan ter unhas instalacións cómodas e modernas. Moitas grazas unha vez máis á Deputación porque grazas a ela podemos ir avanzando nestas cuestións deportivas, pero a min gústame especialmente nestes deportes que non son tan vistosos como outros, pero que realmente teñen un esforzo tremendo e unha dedicación tremenda por parte dos directivos e dos alumnos e das alumnas”.
O responsable da Área de Deportes da Deputación, Efrén Castro, manifestou que “cando fixen a visita hai algún tempo puiden comprobar de primeira man que as instalacións do Club Altruán quedaron anticuadas ou desfasadas e unido aos datos que temos do traballo que se está facendo no club, e todo o que me contaban dende o Concello e a importancia que lle deron a este proxecto, porque foron uns grandes defensores do traballo que se está a facer e insistindo en que era unha obra moi necesaria e de xustiza que entre todos fixéramos un esforzo. Eles axudaron moito nos permisos, ás veces fixámonos soamente no financiamento dunha obra, pero cando se mesturan moitas administracións, incluída Portos, é un traballo arduo e pouco agradecido, pero agora estamos xa nese punto. É un club que o está a facer moi ben na base e creo que desde a Deputación temos que primar iso e o Concello, xa desde hai tempo, me está dicindo que é unha obra na que temos que facer un esforzo e mirar de onde podemos sacar os cartos, porque é básica para o piragüismo de Ribadeo. Estamos aquí para comprometernos publicamente a que este ano firmaremos un convenio co Concello. Irá adiante esa obra e ademais coincide coa efeméride do club, co 40 aniversario, polo tanto penso que é un bo día para a nosa Área, para o piragüismo de Ribadeo e creo que para o Concello”.
O presidente do Club Altruán, José Ángel Pérez, sinalou que “é importante que os deportistas se poidan cambiar, ter unhas áreas hixiénicas e unhas instalacións como eu creo que merece o piragüismo ribadense. Agradecer o compromiso para estas obras de mellora”.
Xunto a Fernando Suárez, Efrén Castro e José Ángel Pérez estiveron os concelleiros de Deportes e Desenvolvemento Local, Jorge Díaz e Pablo Vizoso, así como nais e pais das nenas e dos nenos do Club Altruán.