Segundo informan o encontro de traballo entre ambas entidades buscaba abordar a axenda dos próximos meses, relativa ás diferentes accións de comercio, hostalería e turismo que se prevé desenvolver.
De forma inmediata anuncian a presenza de Ribadeo en Fitur, cunha delegación conformada por representantes do Concello de Ribadeo e de Acisa, que manterá unha ampla axenda de reunións nos próximos dous días, nos que os técnicos e representantes ribadenses se encargarán de promocionar Ribadeo como destino turístico de gran relevancia, ante axencias de viaxes e os diferentes profesionais asistentes á feira.
Concello e Acisa comezaron os contactos sobre a elaboración do novo convenio anual de colaboración para unha futura firma do mesmo, que permitirá a asociación de comerciantes ribadense, a través do financiamento municipal, desenvolver un gran numero de actuacións de dinamización.
A este respecto, tanto Acisa como o Concello destacan o compromiso e a intención para a realización do mellor Ribadeo Indiano posible neste 2022, sempre que as circunstancias o permitan e adaptado ás mesmas. Ambas entidades teñen consignado presuposto para dito evento e amosan o seu desexo de que neste novo ano se poida celebrar, polo que nas vindeiras semanas comezarán os primeiros contactos ao respecto.
Concello e Acisa reafirman a súa intención de traballar cóbado con cóbado durante este 2022, co fin de promocionar Ribadeo como destino turístico singular e dinamizar o seu comercio e a súa hostalería.