Viveiro, a 20 de xaneiro de 2022. Despois dunha primeira fase na que se realizou a presentación do proxecto nun acto público no Museo do Pobo Galego en Santiago e a captación dos centros educativos para a súa participación, o programa arranca este 2022 con 51 institutos inscritos, máis de 2170 escolares de secundaria participantes e novas actuacións que xa deron comezo a semana pasada.
Neste anualidade, que se prolongará ata final de ano, o RELEVO 2 levará cabo as seguintes actuacións:
Formación en centros de ensino de cara a coñecer as oportunidades do sector pesqueiro,
Visitas a empresas nos diferentes territorios GALP para que o alumnado sexa coñecedor de primeira man dos recursos e oportunidades que ten na súa zona xeográfica,
Elaboración dun manual de boas prácticas de cara a recoller a información principal sobre titulacións, saídas profesionais e centros de ensino en relación ao sector do mar e tamén proxectos de éxito levados a cabo nos diferentes territorios e,
Tratarese de dar a oportunidade de que un número determinado de alumnos poida embarcar en busques de pesca, a modo de prácticas, para vivir e experimentar en primeira persoa o día a día das xentes do mar.
En canto ao programa formativo divídese en tres bloques principais de contidos:
a) PESCA E ACUICULTURA
b) TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN
c) TURISMO E DEPORTES NÁUTICOS
Cada bloque impartirase a través de varias sesións de aula nas que se contará cun equipo docente formado por titulados superiores no eido da oceanografía con ampla experiencia na realización de actividades e proxectos de formación e divulgación científica sobre o medio mariño e o sector pesqueiro, destinados a centros educativos.
Ademais contarase con persoal do sector pesqueiro e de entidades colaboradoras (asociacións, empresas, etc) que irán á aula a falar de diferentes oficios e postos de traballo que o sector ofrece.
Os centros educativos poden participar na totalidade das sesións propostas ou ben escoller os bloques temáticos que máis lles interesen. Dende a organización podemos comentar que a meirande parte dos institutos anotados, participarán nos tres bloques propostos.