Castiñeira sinala: “Dende o grupo provincial do PP lamentamos que o señor Tomé estea máis ocupado en buscar avais para a súa candidaturas a dirixir o PSOE en Lugo que dos avais para garantir unhas boas estradas provinciais. O señor Tomé é o máximo responsable do mal estado das vías provinciais, por dous motivos: por un lado, porque é o presidente da Deputación; por outro, porque as estradas constitúen a principal competencia da Deputación, posto que son vías propias”. Tomé, en opinión de Castiñeira, “é o peor delegado de Vías e Obras da historia desta Deputación, non só por telas en mal estado, senón por non aceptar deseñar e executar un plan de estradas, como propuxo o PP o ano pasado e como se fixo no goberno do tamén socialista Darío Campos, apoiado por Elena Candia”. O presidente da Deputación “non fai caso das queixas veciñas, e incluso ás veces búrlase, como no caso de Carballedo”.
Os populares, nesta ocasión, fanse eco “das queixas de veciños de A Mariña, concretamente de San Cibrao, polo mal estado da seguridade dunha estrada moi utilizada, que é a que vai dende Burela pola Marosa ata San Cibrao”. Castiñeira explica: “Hai poucos días coñeciamos a noticia dun accidente grave nesta estrada e hai que dicir que os veciños levan moito tempo denunciando o mal estado desta vía e a falta de seguridade. Entre outras deficiencias, falta marcar a sinalización horizontal. O Partido Popular no mes de abril do ano pasado presentou un rogo, rexistrado o día 27, para que se arranxaran estas deficiencias, especialmente no que afectan á seguridade desta vía, a LU-P-1510”.
Castiñeira declara: “De novo os veciños de San Cibrao reclaman melloras nesta vía. Queremos que o presidente da Deputación poña máis empeño en resolver os problemas desta estrada, porque as estradas, como xa dixemos, constitúen a competencia máis relevante que ten a Deputación e neste caso non poden dicir que son da Xunta de Galicia. O goberno local debe actuar o antes posible”.
Castiñeira conclúe: “Temos 4.100 quilómetros de estradas é a ninguén se lle oculta que pode haber accidentes de calquera tipo, pero hai que poñer máis empeño en telas en bo estado. O PP seguirá insistindo. O delegado de Vías e Obras, señor Tomé, rematou o 2021 igual que comeza o novo ano: con moi mala sensación entre os lucenses e a idea de que as estras provinciais están totalmente abandonadas; os orzamentos que hai para melloralas no actual exercicio e, sobre todo, coa suba dos prezos, non augura un bo ano para as estradas provinciais”.