A Mariña, 3 de xaneiro de 2022. O presidente da Mancomunidade da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, téndelle a man á Xunta de Galicia para traballar conxuntamente na implantación da fábrica de fibra téxtil na Mariña.
“O 18 de novembro remitimos unha carta ao vicepresidente Francisco Conde solicitando unha reunión cunha representación de alcaldes da Mariña. O obxectivo é colaborar e superar calquera atranco administrativo para implantar a fábrica de fibra téxtil de Altri na nosa comarca, buscando a mellor situación para a factoría. E aínda non recibimos resposta”, explica Fran Cajoto.
Na solicitude, pídeselle ao vicepresidente que abra a reunión a máis membros implicados para que sexa unha verdadeira xuntanza de traballo: “queremos traballar desde o minuto un coa parte técnica. A Xunta de Galicia, como socio maioritario do consorcio Impulsa Galicia que xestiona fondos Next Generation da Unión Europea, debe convocar a técnicos con capacidade decisoria para a reunión: Igape, Altri ou calquera outro actor que considere de relevancia”.
O presidente da Mancomunidade apremia á reunión ante a posibilidade de que a fábrica non se instale finalmente na Mariña: “estamos preocupados polas verbas do vicepresidente nos xornais. Está a falar de implantar a fábrica de Altri na provincia de Lugo, pero esquivando sempre confirmar a ubicación na comarca da Mariña. Ninguén entendería que ante a grave crise industrial que estamos sufrindo e tendo en conta que somos os principais produtores de eucalipto, se escollera outro punto da provincia. Máis custo de transporte e deixar de novo á Mariña no esquecemento non pode nin debe ser unha opción”.
O tamén alcalde de Foz fai referencia á grave situación que está a vivir Alcoa: “trasladeillo á ministra de Industria, Reyes Maroto, o pasado 30 de decembro. Alcoa, Xunta de Galicia e Goberno do Estado teñen que ir cumprindo os distintos fitos con datas concretas e que non haxa ningunha escusa para que Alcoa poida funcionar en dous anos a pleno rendemento, parece moito tempo pero non o é. Un deses fitos fundamentais é a ampliación da balsa de lodos e os trámites medio ambientais que require, non se pode separar en ningún caso a planta de alúmina da de aluminio. Sería un auténtico disparate contar cunha planta de aluminio cun prezo competitivo de enerxía e que a planta de alúmina tivese que botar o peche por falta de capacidade na balsa de lodos. Sen alúmina non hai aluminio. Pido responsabilidade a todas as administracións. Isto non é un xogo de escapismo, cada un debe cumprir cos seus deberes”.