Burela, 19 de xaneiro de 2022. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, asiste en Madrid á Feira Internacional de Turismo, onde agarda resultados positivos tanto para Burela como para o conxunto da Mariña.
O edil burelés contou que “estivemos xa hoxe na feira acompañados por empresarios de Burela, que tamén decidiron acudir para promover os seus negocios en Fitur”.
Ramiro Fernández explicou que “por parte do Concello tivemos unha reunión cunha empresa de apps informáticas relacionadas co turismo. Foi unha primeira toma de contacto e vamos seguir falando para ver se podemos chegar a algún acordo. E asistimos tamén ao acto co presidente da Xunta”.
O concelleiro de Turismo dixo que “a partir de mañá participaremos nas actividades que ten organizadas a Mancomunidade de Concellos da Mariña, cun acto central que será o venres para presentar o Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña. Tamén asistiremos a outras presentacións, como a da Deputación Provincial. Ademais faremos contactos para ver como está o sector e para que o turismo, que cada vez é maior en Burela, poida seguir aumentando”.
Fernández Rey engadiu: “iso é que estamos facendo en Fitur, que é a feira de turismo máis importante de Europa. O ambiente é moi bo, con moita presenza de xente. Este ano non ten nada que ver co anterior e esperamos que sexa moi positivo tanto para Burela, que é o que represento eu, como para o conxunto da Mariña porque iso é bo para todos os que formamos parte desta comarca”.