Moito se leva falado e escrito nos últimos tempo de herdanzas e plusvalías, sobre todo no ámbito fiscal. Dende o contexto do estado ata o mais local dos concellos. Seguramente con discursos moi interesados e dirixidos, pero ese non é o motivo que me leva a escribir o que agora continúa.
O caso é que as palabras herdanza e plusvalía lémbrame á situación actual do noso concello, o concello de Burela. Herdanza porque ó longo deste mandato (e nos anteriores) arrastramos a modo de lastre irregularidades en moitos ámbitos da política local que en parte impídennos avanzar. Porque, en xeral, facer as cousas mal é rápido e sinxelo, pero solucionalas soe levar moito mais tempo. O “ti vai facendo” de toda a vida, que se remonta á época da segregación (ou anterior coma o caso do Cemiterio) e que sempre resulta ser un atranco. Dende Torrentes ás condicións laborais de parte do plantel do concello, pasando pola realidade urbanística da vila, case ningún ámbito escapa desta outra “pandemia” (enténdase a metáfora).
Dende o grupo municipal do BNG xa indicamos, en varias ocasións, que non estamos dacordo con que ese mal proceder nos condicione á hora de tomar decisións, que deberan responder só á política e ó interese dos veciños e non a solucionarlles a papeleta ós que estiveron no poder e non cumpriron coas súas obrigas.
E plusvalías porque, a pesar desta difícil situación, cremos que os que temos responsabilidades por ter sido elixidos publicamente, debemos poñer toda a nosa valía, incluso dar un paso mais aínda, para mellorar a vida dos veciños. E iso supón ás veces, chegar a acordos.
Dada a situación de goberno en minoría, resulta fundamental a existencia de acordos, pero estes non poden ser a calquera prezo, e sobre todo, teñen que comprometer a tódalas partes. Como ben di o voceiro de ERC no congreso, Gabriel Rufián: “ o PSOE non fai, hai que obrigarlle a facer”. E o caso non é diferente no goberno socialista de Burela.
Iso foi o que aconteceu cando tiveron que reformular o Plan Único de 2020, posto que dende o grupo municipal do BNG esixiamos mais gasto para a partida Covid e a inclusión de obras que eran mais urxentes. Ou cando comprobamos como aumentaban as partidas de gasto social e emprego (así como unha leve baixada de impostos) nos orzamentos, algo que viñamos anos reclamando cando precisaron sacalos adiante. E tamén no acordo acerca dos remanentes, onde tentamos acordar o que nos parecía mais necesario para a veciñanza. Son actuacións que se levarán a cabo nos próximos meses, se o goberno local é capaz, que de seguro non serían posibles sen o noso impulso neses acordos.
Hai moitas cousas que se fan, ou as veces mais ben non se fan, coas que evidentemente non estamos dacordo. Pero dada a nosa situación e a situación política global da corporación cremos que o que facemos é o mais serio e responsable. Non imos xulgar o que fan os outros grupos, temos bastante con nos mesmos. E queda una ano e uns meses para que as veciñas e veciños de Burela nos xulguen a todos.
Pero mentres, imos superar e solucionar a herdanza que temos derriba, coa nosa máxima plusvalía. Igual ese é o camiño e aínda hai quen non se deu conta.
Mario Pillado Mon
Voceiro do Grupo Municipal do BNG no concello de Burela.