No tocante á asistencia a esta Feira Internacional de Turismo que se celebra do 19 ao 23 de xaneiro, este ano decidiuse non asistir presencialmente debido á situación epidemiolóxica actual. Se ben, o Concello está presente a través da plataforma virtual Fitur Live Connect, co obxectivo de establecer contactos profesionais cos diferentes expositores ao longo dun período de tempo que vai máis aló da celebración da propia feira. Deste xeito, estase a convidar a varios touroperadores especializados que operan en Galicia no eido das viaxes organizadas, grupais ou non, a establecer reunións en liña co fin de presentarlles o noso destino.
Elixiuse aqueles que xa dispoñen de circuítos organizados na Mariña Lucense e no Camiño de Santiago, co obxectivo de que nos coñezan mellor como destino e as posibilidades que ofrece Barreiros. Para isto estase ultimando un novo folleto-guía turístico no que se presentan as diferentes propostas de visita, así como a oferta aloxativa, de restauración e de ocio. Como complemento, presentaráselles o novo vídeo turístico “Barreiros queda en ti” que viu a luz o verán pasado.
Dende o Concello, agardan seguir dando pasos para incrementar o seu posicionamento como
destino turístico na Mariña Lucense e en Galicia.