Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro reclama un plan estatal de apoio ao sector mar-industria ante a desorbitada suba do prezo da luz

Santiago, 15 de xaneiro de 2022. O presidente da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia e deputado autonómico, José Manuel Balseiro, defenderá unha iniciativa promovida polo Grupo Popular na que reclama un plan estatal de apoio ao sector mar-industria “ante a desorbitada suba do prezo da luz, unha escalada que o Goberno de España parece incapaz de frear”.

Balseiro lembra que esta situación converteu ao noso país nun dos que ten o prezo da luz máis elevado de Europa o que se traduce en que a economía de moitas familias, empresas e autónomos está contra as cordas, especialmente, de empresas do sector mar-industria e, en concreto, as de transformación de produtos pesqueiros, xa que dependen da enerxía eléctrica en todos os seus procesos.

Hai empresas con frigoríficos industriais que están a afrontar subas da luz do 50%, e nas que as súas máquinas funcionan 24 horas, sete días á semana, sen alternativa algunha posto que deben garantir o frío das cámaras. Pero tamén outras moitas do ámbito alimentario ou pesqueiro que empregan a enerxía eléctrica para o correcto funcionamento dos compresores, condensadores, túneles de conxelación, equipos de refrixeración ou máquinas de envasado ao baleiro.

“Se o Goberno de España non toma medidas urxentes, desaparecerán moitas destas compañías e os postos de traballo a elas asociadas”- concluíu Balseiro.

O deputado popular lembra tamén que a Comisión Europea ten autorizado aos Estados membros certa marxe de manobra para intervir ante o forte incremento destes costes, poñendo en marcha algunhas medidas compensatorias e que incluso, poden acceder a recursos europeos extraordinarios vinculados ao proceso de recuperación pola pandemia, que se traduzan en axudas específicas ao sector.

Os populares vén urxente e necesario un plan estatal que complemente as accións que outras administracións están a impulsar na medida das súas posibilidades e competencias. Por exemplo lembra que a Xunta si fixo os deberes neste ámbito, a través de distintas ordes de axuda destinadas ás empresas de transformación e acuicultura, nas que se subvencionan proxectos de eficiencia enerxética, introdución de fontes de enerxía renovables e asesoramento de servizos técnicos medio ambientais que, nas convocatorios dos dous últimos anos, contemplaron un orzamentos de 55,8 millóns de euros.

Exit mobile version