Ribadeo, 18 de xaneiro de 2022. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, fai un balance positivo a satisfactorio da terceira edición da campaña da Pancha, a moeda local de Ribadeo, que se desenvolveu do 1 de setembro ao 31 de decembro pasado.
O edil ribadense dixo que “desde o equipo de goberno facemos un balance satisfactorio e positivo da pasada edición da Pancha, a nosa moeda local, campaña na que participaron 114 establecementos comerciais de Ribadeo. Esta terceira edición foi a máis longa en duración e presentou importantes novidades coma o PanchaPeto, o moedeiro dixital que se foi recargando ata un máximo de 280 Panchas por persoa e que a través dun código QR se ía actualizando cada vez que se facían os pagos. As Panchas estiveron ao alcance das veciñas e veciños de Ribadeo e tamén para os de calquera outro punto da xeografía comarcal, galega ou estatal, que puideron aproveitar as pontes festivas, as fins de semana ou as datas de Nadal para facer uso delas tanto no comercio como na hostalería locais”.
E engadiu: “este ano a campaña da Pancha deu un paso máis, dixitalizando todo o proceso de adquisición e de compra e simplificando todas as operacións de xustificación para os comerciantes. Deste xeito tanto para comprar as Panchas como para facer os cobros unicamente se precisaba un teléfono móbil”.
Vizoso Galdo sinalou que “estamos contentos co movemento comercial que se xerou en Ribadeo durante eses meses e sobre todo ao inicio do outono e en decembro, porque foron moitas as persoas que aproveitaron as Panchas para facer as súas compras da campaña escolar e de Nadal. Agora toca traballar para a vindeira edición nas posibles melloras a realizar co obxectivo de que a Pancha faga medrar a economía local, apoiando o comercio de proximidade, a hostalería e ao sector servizos de Ribadeo”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local comentou que “as vendas totais ascenderon a case 400.000 euros aínda que o volume de negocio xerado é moi superior a estas cifras, polo movemento que rexistraron as nosas rúas comerciais ao longo de todo ese período de tempo. E por riba dos datos e da magnitudes, que son positivas, edicións coma esta última das Panchas poñen de manifesto o compromiso e a capacidade do Concello para poñer en marcha programas deste tipo como ferramentas de apoio real ao comercio local. Son medidas que poderían parecer máis propias de grandes cidades, pero está claro que en Ribadeo funcionan e incentivan o noso comercio e hostalaría”.