Burela, 26 de xaneiro de 2022. Hoxe, 26 de xaneiro, celébrase o Día da Educación Ambiental, efeméride que pretende concienciar ás persoas sobre a importancia de coidar o medio ambiente, de protexer a flora e a fauna, de xestionar correctamente o lixo, de facer un uso sostible dos residuos…en definitiva, de concienciar á poboación de que as nosas actuacións teñen repercusións sobre o medio ambiente.
Para celebrar este día dende Gaia, pertencente á Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Toñi Eijo, organizou unha charla cos alumnos de 4° de Primaria do CEIP Virxe do Carme, que baixo o título Os inodoros non son papeleiras nin contedores “intenta concienciar aos rapaces da necesidade de non usar o wc coma se fosen papeleiras, profundando na gran problemática tanto medioambiental coma económica que supón desbotar desperdicios polo inodoro, como ocorre actualmente coas toalliñas húmidas. Aínda que nos envases poñen que son biodegradables e se poden botar polo inodoro, a realidade é que na grande maioría dos casos non é certo e atascan a rede de saneamento e as depuradoras residuais”.