Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias salienta “a proxección” que dan a Ribadeo os dous documentais de Elfarero audiovisuais candidatos aos Mestre Mateo

Ribadeo, 27 de xaneiro de 2022. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, gabou hoxe o resultado do traballo realizado pola produtora ribadense Elfarero Audiovisuais nos documentais Xanelas ao Mar – sobre as mulleres mariscadoras de Rinlo- e Memoria e patrimonio baixo a ría -que pon en valor a riqueza dos restos arqueolóxicos somerxidos en augas de Ribadeo -, ambos seleccionados como candidatos para os Premios Mestre Mateo deste ano.

Arias mantivo un encontro con Manuel Vázquez, da firma produtora; e con representantes de entidades que colaboraron nas rodaxes, como o colectivo Illa Pancha e as mulleres do mar de Rinlo. O delegado subliñou que proxectos como estes dous documentais, que contaron co apoio da Xunta de Galicia, contribúen “á difusión do noso patrimonio e da nosa cultura, xa que a través do sector audiovisual é posible acadar moita proxección”.

Tamén lles desexou sorte nas seguintes fases de selección dos galardóns, convocados pola Academia Galega do Audiovisual e que este ano chegan á súa vixésima edición. Ata o 31 de xaneiro os académicos e académicas elixirán cos seus votos aos finalistas en cada categoría -na lista de documentais figuran 28 títulos-; e os gañadores coñeceranse na gala de entrega dos premios.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, puxo en valor “o ADN ribadense” dos documentais seleccionados como candidatos aos Premios Mestre Mateo, ‘Xanelas ao mar’ e ‘Memoria e patrimonio baixo a ría’. Vega agradece o traballo de todas as persoas implicadas nestas pezas audiovisuais que “falan ben de Ribadeo”.

Os documentais foron impulsados por dúas asociacións de Ribadeo -a asociación de veciños O Cantal e o Club de Actividades Subacuáticas Illa Pancha- co apoio da Xunta e realizados por El Farero Audiovisuales, ao que todos coñecemos como O Fari, “un gran profesional do mundo do audiovisual”.

‘Xanelas ao mar’ destaca a figura das mulleres vencelladas ao mar e a todo o sector pesqueiro en xeral recollendo a vida diaria da vila mariñeira de Rinlo, do Porto de Ribadeo e a súa industria, do Real Club Náutico e do Centro de Investigación de Cultivos Mariños que a Xunta ten en Ribadeo. ‘Memoria e patrimonio baixo a ría’ permite coñecer o patrimonio e legado histórico e arqueolóxico co que contan as augas da ría de Ribadeo.

Exit mobile version