A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañada da alcaldesa de Guntín, María José Gómez, achegouse esta mañá ata unha explotación ovina do municipio, beneficiaria dunha axuda do exercicio anterior, onde sinalou que o orzamento da anterior convocatoria fora de 480.000 euros e o deste ano practicamente se duplica.
Do Campo lembrou que unha das novidades da orde de 2022 é que, dentro da liña de prevención de danos ocasionados polo lobo, se considera actuación subvencionable a manutención dos cans protectores e defensores do gando. Neste sentido, destacou o esforzo do Goberno galego para dispoñer maiores recursos nesta liña, con case un 60% do orzamento total (600.000 euros), tendo en conta a incertidume xurídica provocada pola orde do Goberno central que incrementou a protección da especie.
Ao mesmo tempo, destacou que se volven establecer axudas para adquirir os cans, podendo subvencionarse ata un máximo de tres por explotación, fronte aos dous da anterior convocatoria; adquisición de pastores eléctricos; cerrumes móbiles de malla electrificada; ou instalación de valados de dous tipos, que neste caso tamén verán incrementado o seu importe: os fixos electrificados en 250 euros, ata os 1.750, e os fixos con malla gandeira ou cinexética metálica en 1.000 euros máis, ata un máximo de 4.500.
Por outra banda, a liña de prevención de danos do xabaril comprende un orzamento de 286.438 euros, que se destinarán para a adquisición de pastores eléctricos; e a do oso, un total de 20.000 euros co mesmo destino, principalmente en explotacións apícolas.
O prazo para que os interesados presenten a súa solicitude abre mañá e abranguerá un mes. Poderán pedila aquelas persoas e entidades que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e as explotacións agrarias destinadas a autoconsumo no caso dos danos provocados polo xabaril. No caso dos danos provocados polo lobo ou polo oso, as explotacións deben estas inscritas no Rexistro Xeral de explotacións gandeiras de Galicia (Rega).
Subvencións para paliar os danos
A directora xeral de Patrimonio Natural destacou que os incentivos convocados hoxe complementan as axudas convocadas, xa no mes de decembro, para paliar os danos que provocan estas especies ao sector agrogandeiro, por un importe global de 2,15 millóns de euros. Polo tanto, o orzamento da Xunta para previr e indemnizar os danos ascenden este ano a máis de 3 millóns de euros.
Deste xeito, Do Campo sinalou que o Goberno galego fai un novo esforzo para establecer axudas neste sentido, tal e como fai desde o ano 2016. De feito, ata o ano 2021 habilitáronse axudas á prevención por un importe global de 3,4 millóns de euros; mentres que os incentivos para paliar os danos supuxeron 7,6 millóns de euros, polo que o investimento mobilizado pola Xunta para previr e compensar os danos que provoca a fauna silvestre na Comunidade ascende a 11 millóns de euros desde 2016.