Palas de Rei, 27 de xaneiro de 2022. O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Palas de Rei, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, as instalacións de Eme Inversia, unha empresa especializada en deseño e impresión que, grazas ao apoio da Xunta cunha axuda de 70.000 euros, adquiriu a tecnoloxía necesaria para abordar a sublimación téxtil, técnica que permite ao cliente deseñar á medida a colección que necesite.
“O Galicia Emprende Rural busca promover actividades industriais no medio rural”, salienta Guldrís, que explica que esta é unha das máis de 40 iniciativas que o goberno galego ten impulsado a través deste programa na provincia de Lugo, mobilizando preto de 2,5 millóns de euros.
A liña, apunta o director, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), busca estimular o tecido empresarial galego, fomentando a xeración de emprego mediante o apoio á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, como é o caso de Eme Inversia. “Estamos a falar de actuacións moi relevantes para a nosa terra, que permiten promover a economía do rural galego potenciando actividades vencelladas a distintos sectores, desde automoción ata o aeronáutico, pasando polo TIC, o audiovisual ou, como é o caso, o téxtil”, salienta Guldrís.
Neste marco, o director do Igape salientou tamén a capacidade de adaptación de Eme Inversia, do Grupo Jim Sports, que durante a pandemia soubo axustar a súa produción ás necesidades xurdidas da mesma. Para acadar este obxectivo, apuntou, contaron tamén co apoio do Goberno galego a través da liña de axudas ao investimento para a fabricación de produtos relacionados coa covid-19, que lles permitiu elaborar un catálogo que inclúe mamparas de protección de metacrilato, policarbonato e PVC, un artigo moi demandado nos últimos meses.
Durante a súa visita, o director do Igape lembrou que neste momentos, e ata o vindeiro 8 de marzo, segue aberto o período de solicitudes dunha nova convocatoria do Galicia Emprende Rural coa que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación espera apoiar 70 novas iniciativas empresariais en Galicia xerando 200 empregos.
A contía das axudas mínimas concedidas por beneficiario é de 20.000 euros e o das máximas é de 45.000. Os investidores que se acollan a esta liña de apoios desenvolverán os seus plans empresariais de negocio en 18 meses e recibirán un adianto do 60% da axuda concedida, logo da notificación da resolución e a acreditación de dito plan. “O emprendemento segue a ser un dos nosos piares básicos de actuación”, salientou Guldrís, que puxo en valor tamén que o programa complementa a liña Galicia Emprende.