Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta considera que Vitalmar, en Castro de Rei, é un exemplo da aposta que a cadea de valor mar-industria está realizando pola innovación e a economía circular

Castro de Rei, 31 de xaneiro de 2022. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións de Vitalmar en Castro de Rei, á que puxo como exemplo da aposta que a cadea de valor mar-industria está realizando pola innovación e a economía circular para promover un aproveitamento sustentable dos produtos do mar.

Tal e como explicou Conde, Vitalmar traballa en diferentes proxectos para obter pensos para aves e fertilizantes ecolóxicos a partir de cunchas de mexillón. Un deles, Mexigal, é unha das iniciativas liderada pola Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa) que aspira a captar fondos Next Generation no marco da candidatura galega. A outra, Mexical, contou co apoio do programa Conecta Peme da Xunta no seu desenvolvemento.

Vitalmar, do Grupo Proinsa e dedicada á transformación e cocción do mexillón, conta cunha trintena de empregados e en 2020 as súas vendas medraron un 65% con respecto ao ano anterior ata alcanzar os 4,8M€. A planta produce máis de 100 toneladas ao día e conta cun laboratorio propio para controlar a calidade da produción. O vicepresidente económico incidiu na aposta da empresa pola innovación e a sustentabilidade e asegurou que esta última representa unha oportunidade para o sector do mar co obxectivo de completar a súa cadea de valor.

Por outra parte, Conde subliñou a importancia de que produción e comercialización vaian da man e informou de que o Grupo Proinsa, xunto coas conserveiras Grupo Pereira e Jealsa, vén de constituír -co apoio da Xunta a través de XesGalicia cun investimento no capital de 1,7M€- unha nova empresa, Gaboteira Cultivos, para a adquisición de 30 bateas de produción de mexillón. A nova sociedade absorberá o 29% das bateas da ría de Sada e permitirá potenciar a planificación de colleitas en liña coa demanda.

Exit mobile version