Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concedeu en dez meses 443 axudas na provincia de lugo para compensar os danos do lobo ao sector agrogandeiro

Portrait of grey wolf in the forest

Lugo, 03 de xaneiro de 2022. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda distribuíu 443 axudas en dez meses aos agricultores e gandeiros da provincia de Lugo para paliar os danos causados polo lobo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a contía total ascende a 198.238 euros, e corresponde aos expedientes resoltos entre outubro do 2020 e xullo do 2021. A Consellería vén de publicar esta resolución no DOG así como dúas novas convocatorias para paliar os danos do lobo e do xabaril, cun orzamento global de preto de 2,1 millóns de euros.

Unha das novidades da convocatoria para paliar os danos producidos polo lobo é a inclusión dun importe adicional, en concepto de lucro cesante, para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias). Suporá un incremento dun 10% nos importes das reses bovinas con maior afectación polos danos (bovinos maiores de 2 anos) e equinos menores de 4 meses; de case un 12% en ovinos menores de 6 anos (pasan de 59 a 70€); e dun aumento dun 18,6% para os años (103 a 115€).

A convocatoria conta cunha partida inicial de case 650.000 euros, polo que a Xunta mantén o esforzo realizado nos últimos anos tendo en conta o escenario incerto e inseguro xuridicamente que se presentou para o sector desde o mes de setembro, a raíz da publicación da orde do Goberno central que elevou o status legal da especie mediante a súa inclusión na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.

A orde recolle un ano máis a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas e, de ser necesario no caso de sufrimento grave e irreparable, tamén cubrirá os gastos de eutanasia acreditados e realizados de forma regrada por un profesional. Novamente, serán subvencionables os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación e tras a correspondente acreditación veterinaria.

1,5 M€ para paliar os danos do xabaril
En canto á orde de axudas para paliar os danos do xabaril sobre cultivos, a nova convocatoria dispón dun orzamento de 1,45 millóns de euros. Unha das novidades é que se incrementa o importe máximo da axuda nun 25%, xa que se fixa nos 2.500 euros, fronte aos 2.000 euros por beneficiario que estipulaba a anterior convocatoria.

Cómpre lembrar que, entre outras medidas, a Xunta declarou o pasado mes de agosto a emerxencia cinexética temporal en 29 comarcas galegas —198 concellos, un 68% da superficie galega— para frear os danos do xabaril, que estará en vigor ata o 27 de febreiro de 2022 se non se suspende antes.

Por último, o pasado 17 de decembro tamén se convocou a orde de axudas para paliar os danos que provoca o oso pardo en explotacións gandeiras e, de forma particular, naquelas dedicadas á apicultura, por un importe de 60.000 euros. Esta é a segunda vez que se convoca esta liña de axudas e dá continuidade á de 2021, que se pechou coa concesión dun total de 25 axudas por un importe de case 37.000 euros.

Exit mobile version