Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta aposta pola cooperación cos concellos lucenses para lograr un desenvolvemento eólico sustentable

Lugo, 12 de xaneiro de 2022. A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo hoxe un encontro con alcaldes e representantes de municipios da provincia de Lugo para informarlles sobre o proceso administrativo de tramitación dos parques eólicos. Na xuntanza, na que participou tamén o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, Paula Uría trasladoulles o compromiso da Xunta coa transparencia e a cooperación entre administracións para lograr un desenvolvemento do sector eólico ordenado e sustentable.

Paula Uría subliñou que a Xunta ten claro que o futuro do sector eólico en Galicia debe pasar por unha planificación ordenada, que permita achegar seguridade xurídica ao sector, ao mesmo tempo que dá prioridade a un desenvolvemento compatible co medio natural. E, con ese obxectivo, lembrou que a Administración autonómica decidiu establecer unha moratoria de ano e medio que acaba de entrar en vigor este mesmo mes, para poder tramitar coas máximas garantías os expedientes que hai agora mesmo sobre a mesa.

Por outra banda, para reforzar a compatibilidade coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, destacou que a Administración galega estableceu unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do aparello, logrando así un menor impacto visual.

Paula Uría lembrou tamén que, dentro do obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas. Un exemplo destas iniciativas é a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que, antes de proceder á exposición pública dos proxectos, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar.

Ademais, o Goberno galego preparou unha guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico que se pode atopar na web da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co ánimo de mellorar a información aos cidadáns sobre o proceso de tramitación dos parques eólicos.

Neste sentido, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo infoeolicos-propietarios.enerxia@xunta.gal–.
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Exit mobile version