A vicepresidenta, Maite Ferreiro, destacou que “as actividades impulsadas desde a área de Cultura chegaron á práctica totalidade dos concellos, contribuíndo a ampliar as programacións dos propios concellos e ofrecendo a asociacións culturais e educativas a oportunidade de realizar as súas programacións, optando pola cultura en galego e con perspectiva de xénero”.
Nese sentido, puxo en valor o traballo que se desenvolve no servizo de Cultura, “en contacto directo e permanente cos responsables e técnicos dos concellos e tamén cos colectivos culturais, co obxectivo de desenvolvermos unha axenda que facilite o acceso á cultura en todo o territorio”
Neste 2021, destacou, “procuramos un maior achegamento ás asociacións de nais e pais e aos colectivos ligados ao ámbito educativo e á mocidade, chegando aos centros educativos con iniciativas como Ilustrarnos ou as actividades arredor do Día de Rosalía. Cremos que chegar ás persoas máis novas con propostas creativas é a formula máis adecuada para xenerar hábitos de participación na actividade cultural e un recoñecemento e valorización da cultura, especialmente da cultura propia”, sinalou.
Teatro e música tradicional
Maite Ferreiro detallou que “preto da metade das actividades corresponden a representacións dos circuítos de teatro profesional e amador, con preto de 90 funcións dunha trintena de compañías, e a actuacións do Musiqueando, un programa de apoio á musica tradicional que promove a presenza e grupos tradicionais, bandas e corais en celebracións populares”.
Audiovisual en galego
A responsábel nacionalista subliñou tamén “a aposta pola difusión do audiovisual en galego, tratando, por unha parte, de achegar filmes como “Cuñados” ou “Ons”, que tiveron un percorrido comercial ás localidades máis pequenas, e, por outra parte, de apoiar pequenas producións de creadoras novas”
Referentes culturais propios
Ademais, indicou que “reforzamos as programacións vinculadas a datas relevantes para a cultura e identidade como o Día de Rosalía, o Día das Letras galegas ou do Día da Ilustración, nas que seguiremos incidindo para contribuír a consolidar estas efemérides na axenda dos concellos e dos colectivos culturais”.
En relación co 17 de maio, lembrou a labor de difusión da obra e da figura de Xela Arias coa itinerancia da exposición “A poesía do retrato”, que estivo nas rúas de distintas vilas máis da metade do ano, e coa distribución de exemplares das súas obras entre os centros educativos.
Tamén se parou nas intervencións artísticas que se realizaron en centros educativos e espazos culturais, cun total de 32 murais realizados por artistas novos en diferentes localidades.
Música en galego
Durante os meses de verán, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo promovéronse actuacións de grupos musicais en galego, entre eles, formacións dirixidas especialmente a público infantil. En total, programáronse maís de 30 concertos de bandas como Os parentes de Sober, Louband Street, Airiños da Freba, Comando Curuxás, Mr Trío, Nebra, Timparrantela ou Paco Nogueiras e Pakolas, entre outros.
Apoio ao sector cultural
A responsábel nacionalista salientou que “malia ser, de novo, un ano condicionado pola crise sanitaria, demos continuidade a todas as programacións que se viñan desenvolvendo e puxemos en marcha outras, adaptándonos ás circunstancias e normativas sanitarias en cada momento e optando por actos reducidos, calendarios flexibles e mesmo formatos en liña cando foi preciso”.
Neste sentido, concluíu, que “con esta continuidade na acción cultural, desde a Vicepresidencia da Deputacíon, contribuímos tamén a xenerar actividade e traballo nun sector moi prexudicado polo impacto da pandemia”.