A situación do albergue, nun enclave privilexiado con vistas á ría de Ribadeo, implica moitos problemas de filtracións e humidades que estas obras están a solucionar, tanto na cuberta como nas fiestras, ademais doutras reparacións na fachada principal, nos radiadores e no tanque de gasoil.
Outra das actuacións importantes supuxo a instalación de baños para persoas con mobilidade reducida, con botón de emerxencia, asento abatible, peche previsto de desbloqueo exterior e barras de seguridade. Nos aseos tamén substituíronse os falsos teitos e colocáronse novos cristais de separación nas duchas, mentres que no dormitorio realizouse o tratamento de madeira nas fiestras. As obras complétanse co pintado do interior e coa mellora da instalación eléctrica xunto coa revisión e limpeza do cadro de instalacións.
Esta reforma está integrada no Plan de obras e melloras dos albergues da rede pública no Camiño de Santiago, ao que a Xunta de Galicia destinou o ano pasado 2,4 millóns de euros, para traballos en infraestruturas de acollidas dos sete itinerarios da ruta Xacobea.
O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as obras de reforma e acondicionamento deste albergue, que están a piques de rematar, e chamou a atención sobre a importancia de recuperar esta infraestrutura, construída en 1999, de cara a potenciar o actual Ano Santo e, de xeito particular, o Camiño Norte. Ademais, a reforma deste albergue suporá un revulsivo para Ribadeo e para que esta vila conte con máis servizos públicos de cara a impulsar o seu recoñecemento como a porta de entrada a Galicia no Camiño Norte.
A actuación no albergue de Ribadeo se suma a outras acometidas noutros inmobles do Camiño Norte, como as melloras no de Gontán (Abadín), Lourenzá e Mondoñedo. Na provincia de Lugo tamén están integrados neste plan de melloras o albergue de Palas de Rei, onde se acometeu unha reforma integral, ao que se suman as actuacións doutros inmobles situados no Camiño Francés, como os albergues de Sarria; Airexe-Ligonde de Monterroso; Triacastela; e Mato-Casanova, de Palas de Rei.
Pola súa banda, no Camiño Primitivo, leváronse a cabo reformas e reparacións nos albergues de peregrinos da Fonsagrada; Lugo; As Seixas (Palas de Rei); San Román da Retorta (Lugo) e no de Guntín.
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, pon en valor “esta mellora que os veciños considerabamos necesaria” para “modernizar os dormitorios, cambiar por completo a cociña, mellorar os baños e a zona de descanso e tamén era urxente construír un baño para persoas con mobilidade reducida”.
O popular explica que “Ribadeo é a porta de entrada do Camiño Norte na nosa comunidade e este albergue dá a benvida aos peregrinos en Galicia”.