Dende hai tempo levo seguindo a incidencia do coronavirus en Ribadeo, e, dende pouco despois, tamén en Vilalba. Nos primeiros tempos, ano 2020, a confusión foi grande en tódolos sentidos. Tamén estatística. Tense amosado que houbo fallos e manipulación, dificultando o cómputo non só de afectados, senón tamén de falecidos, con casos flagrantes, como o de seguimento do que pasou nas residencias de maiores, que esperemos se aclare máis algún día e no seu caso se trate á xente responsable dun xeito máis humano do que eles trataron a quen sufriu a súa actuación e a disfunción institucional.
En relación ó número de mortes debidas ó coronavirus, hai que ter en conta que a pandemia non actuou soa: a interacción con outras causas non pode resolverse con un ‘esta morte é debida ó 60 % polo coronavirus e ó 40 % por “x”‘, e listo. Non pode a moitos niveis, tampouco a nivel estatístico. De calquera xeito, unha vez coñecido o número de mortes total de cada localidade, pode verse a variación en relación a outros anos e de aí apuntar a incidencia de novas causas que non existiran neses anos. Iso foi o que fixo algunha entidade hai xa un tempo para tentar aclarar as cifras, e o que comento aquí para os concellos sinalados.
As cifras poden atoparse en diversos lugares, con datos indicando que en Ribadeo morreu no 2020 menos xente que a media da que morreu ano a ano nos cinco anos anteriores, cinco falecidos menos. O mesmo pasou en Vilalba, dous falecidos menos.
Quere iso dicir que a pandemia mellorou a saúde en ambos lugares? Fiemos un pouco máis fino.
En primeiro lugar, as estatísticas tenden a ser menos precisas nos datos e predicións canto menor é a poboación afectada. Aínda así, a poboación de ambos concellos é abonda como para que a variación esperada sexa pequena, pero non tanto como para tomalas ó pé da letra e considerar que o exceso ou defecto observado (cinco mortes sobre 132 nun caso, dous sobre 211 noutro) teña que ser debido de xeito exacto ó coronavirus ou a outra causa concreta, sen máis apuntes. É dicir, sen que poidamos non considerar outra explicación.
No 2020 os dous concellos tiñan menos poboación que na media dos anos anteriores, un 0,6 % e un 1,9 % menos para Ribadeo e Vilalba, respectivamente. Como as variacións en porcentaxe de mortes son do 4% menos para Ribadeo e do 1 % menos para Vilalba, xa temos unha visión diferente da inicial: en Vilalba a mortandade xa superaría a media dos anos anteriores. En Ribadeo, a situación sería diferente, a variación de poboación foi relativamente tan pequena que non daría explicación de máis dunha das ‘non mortes’.
Mais é de aquí de onde se pode comezar a facer elucubracións. Todos sabemos que o uso das máscaras case extinguiu a gripe, incluídas as mortes a ela debidas. No ano 2019 morreron de gripe en España 3900 persoas, isto é, algo menos de unha por cada 10000. E iso daría conta de outra persoa máis salvada en Ribadeo e en Vilalba. Dese xeito, restando esa morte, Vilalba aumentaría os números vermellos nas mortes de 2020 en relación ós cinco anos anteriores, mentres Ribadeo aínda tería un ‘saldo a favor’ doutras tres mortes.
Se pasamos ós accidentes de tráfico, no 2020 causaron case 500 mortes menos que no 2019, coido que explicables en boa parte polas restricións de movemento. E, aínda que iso representa unha diferenza de mortes de só unha por cada 100 000 habitantes a nivel estatal, así seguiríamos sumando.
Recollendo o que xa indiquei ó comezo, que as estatísticas non son en xeral algo que determine totalmente incidencias para ser atribuídas a unha causa, coido que a pandemia fixo posible unha certa mentalidade de coidado dos demais e de autocoidado, ao menos durante un certo tempo, o que propiciou un pequeno descenso da mortalidade ‘normal’ ata entón. En España, no 2020 morreron unhas 75 000 persoas máis que no 2019. Esa tamén é a cifra aproximada que dá o INE para as mortes por coronavirus. Polo que remato de dicir, entendo que o número de mortes que tiveron ó coronavirus como causa ‘principal’ ou como ‘agravante’ foi algo superior, aínda que facendo números non me leve máis aló dos 80 000 casos, algo menos de dous por cada 1000 habitantes, que de xeito proporcional -só a nivel de exercicio mental, pois a incidencia en ambos casos, mesmo en Vilalba co brote no asilo, foi inferior á media española- levarían as cifras a uns 17 mortos en Ribadeo e uns 25 en Vilalba. O número exacto? Cóidate.