Ribadeo, 17 de xaneiro de 2022. Os días 29 e 30 de xaneiro arrinca en Ribadeo o novo plan de formación da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia baseado na Aula Invertida. O presidente do colectivo, Álvaro Doural, considera que deste xeito o alumnado aproveita mellor o tempo e o nivel de coñecemento dos participantes será bastante maior.
Doural dixo que “o que se pretende con isto é cambiar totalmente o sistema para que a xente cando veña ás actividades presenciais faga prácticas soamente; e o resto deixase para realizar por vídeo conferencia e a través da plataforma de formación. É un cambio substancial con respecto ao que se estaba facendo, para o que hai ferramentas como os vídeos e a utilización de libros electrónicos, no que nós somos unha das entidades a nivel do estado español que empezamos a dar os primeiros pasos hai moitos anos xa. Entón utilizando todo isto creo que é unha formación moi atractiva para o alumnado, non só xente nova senón tamén maiores que están interesados en adquirir unha serie de coñecementos sobre determinados temas”.
O presidente de Apaga cre que “esta nova formación supón un cambio importante. Hoxe en día que, desgraciadamente temos uns niveis de fracaso escolar significativos e que a pouca xente lle preocupa, nós verdadeiramente estamos moi implicados e temos accións europeas nas que estamos traballando con outros países sobre a inclusión, sobre estes rapaces que están nasa casas sen formación porque abandonaron a ESO ou o Bacharelato e que non saben a onde ir. Nós estamos dispostos a botarlles unha man e creo que a aula invertida é unha ferramenta clave para que esta xente se anime, se ilusione e pensen que verdadeiramente eles valen moito e poden conseguir unha formación que lles permita conseguir un emprego”.
Álvaro Doural subliñou que “parte da formación poderana facer na súa casa a través desta plataforma que ten un foro de debate e para contestar preguntas. E van ter tamén na súa casa os materiais que vai utilizar o profesor, para o cal o libro electrónico é unha ferramenta clave porque incorpora desde presentacións en power point, vídeos, fotografías, exames, autoevaluables,… É un paso moi importante, sobre todo para xente que está cansada de determinados sistemas tradicionais e para a aquelas persoas ás que lles custa máis porque teñen problemas de aprendizaxe pois consideramos que agora mesmo non se están utilizando as ferramentas adecuadas”.
O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia indicou que “esta iniciativa formativa arranca os días 29 e 30 deste mes cun curso de soldadura Mig Mag, que levábamos facendo polo método tradicional xa hai máis dun ano e que agora vai cambiar ao sistema de aula invertida”.
E engadiu que “supón un esforzo importante para nós facer estes cambios, pero creo que son necesarios e que a xente o vai agradecer. Non lles vai supoñer ningún custo adicional, vamos seguir mantendo as tarifas que había, pero cámbiase a forma para que a xente estea máis ilusionada, animada e disposta a colaborar; que chegue á actividade práctica e poida facer preguntas porque xa sabe de que vai o tema. Creo que con este sistema se aproveita moito mellor o tempo e o nivel de coñecemento dos participantes nos cursos vai ser bastante maior”.