Lugo, 28 de xaneiro de 2022. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novas actuacións na rede viaria provincial para mellorar 70 quilómetros de catro estradas que discorren por 9 concellos da provincia cun investimento total que ascende a máis de 850.000€. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.
A institución provincial actuará na estrada LU-P-2901, que comunica Lugo con Guntín. “Renovaremos o firme nun novo tramo de preto de 8 quilómetros, entre os puntos quilométricos 5,5 e 13,1, ao seu paso polo concello lucense”, explicou a Deputada. Estas obras saen a licitación por 370.000€ e o prazo de execución é de nove meses. “Estas actuacións dan continuidade a outros dous proxectos de mellora que vimos de realizar. Por unha banda, destinamos 175.000€ para actuar entre os quilómetros 21,3 e 25. E pola outra banda, mellorouse o treito do quilómetro 3,340 ao 5,400 no concello de Lugo por importe de 85.000€”, lembrou García Porto, quen apuntou que con este novo investimento que se aprobou na Xunta de Goberno a Deputación de Lugo destinou nos últimos anos máis de 630.000€ nesta estrada.
Outra das actuacións ás que se lle deu o visto bo este venres é o proxecto e a licitación das obras de rehabilitación da estrada LU-P-1809, que comunica Chantada, Taboada e Antas de Ulla. O orzamento é de 214.000€ para renovar 20 quilómetros desta vía: dende o punto quilométrico 3,6 ao 23,8. O prazo de execución é de tres meses.
Tamén saíu adiante outro proxecto que afecta á comarca da Montaña. “Melloraremos practicamente a totalidade da estrada provincial LU-P-3505, a vía que une os municipios de Navia de Suarna e Cervantes por Vilaquinte e Donís. Actuaremos en 26 quilómetros cun investimento de 154.330€”, manifestou García Porto. O prazo de execución é tamén de tres meses.
O cuarto dos proxectos aprobado pola Xunta de Goberno deste venres foi a licitación para rexenerar o firme da estrada provincial LU-P-1906, tamén na Montaña. Esta vía comunica os concellos da Fonsagrada e Ribeira de Piquín. O proxecto, dotado cun orzamento de máis de 114.000€, e afecta ós primeiros 14 quilómetros desta vía, que dá servizo aos núcleos de Pedrafitelas, Vilelas e Os Cangos. O prazo de execución é de tres meses.
Contratos
Na sesión do Goberno deste venres quedou aprobada a licitación do contrato para a renovación das licenzas de software antivirus para os equipos dos postos de traballo da Deputación de Lugo. Este contrato licítase por 22.264€ para dous anos, con posibilidade de prorrogalo un ano máis.
Por outro lado, aprobouse a adxudicación do contrato por lotes do servizo de control de calidade das obras e actuacións que realiza esta deputación por 175.117,60€. A empresa adxudicataria é Investigación y Control Lugo S.L. e prestará o servizo durante dous anos.
Tamén se lle deu o visto bo á adxudicación do contrato de subministración dun grupo electróxeno para a Granxa Gayoso Castro. Adxudícase por 23.760€ para catro anos.
Remanentes do Plan Único 2021
A Xunta de Goberno autorizou solicitudes de dous concellos da provincia, Sarria e Abadín, para poder realizar novos investimentos con remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021 da Deputación.
No caso de Sarria, o Concello poderá destinar 40.000€ a mellorar os accesos a Currial, Betote, Vilar de Lamas, San Andrés de Paradela e Bade. Tamén investirá uns 300€ en sinais reflectantes e equipamento para o matadoiro municipal.
Con respecto a Abadín, o Concello investirá preto de 30.000€ en acondicionar camiños nas parroquias de Abeledo, Corvite, Moncelos, Romariz e Seivane de Vilarente con fondos achegados pola Deputación do Plan Único 2021.