Lugo, 14 de xaneiro de 2022. A Xunta de Goberno que se celebrou este venres no Pazo de San Marcos aprobou o procedemento para o alleamento de dúas novas parcelas situadas no polígono industrial do Pousadoiro (Ourol), que, extinguida SUPLUSA, xestiona directamente a Deputación de Lugo. A venda das parcelas farase a través dun procedemento de concorrencia pública mediante a celebración dunha poxa. Con este alleamento serán 95 os terreos vendidos pola institución provincial nos polígonos que xestiona en Castroverde, Chantada Friol, Paradela, Ourol, Begonte e Baleira.
As parcelas que sairán á venta no Pousadoiro son de 500 e 14.000 metros cadrados respectivamente e son as últimas dispoñibles das xestionadas pola Deputación en Ourol.
A institución provincial ten a día de hoxe 105 parcelas industriais dispoñibles nos 7 polígonos que xestiona na provincia. Ademais dos de Ourol, o organismo conta con 43 terreos libres no polígono de Castroverde, que teñen unha superficie útil de entre os 900 e os 17.000 m2; nos Acivros de Chantada hai 8 parcelas dispoñibles de pouco máis de 1.000 m2 cada unha; no polígono da Gándara de Friol hai libres 30 parcelas cunha superficie que vai desde os 1.000 ata os 12.000 m2; quedan 7 terreos dispoñibles no polígono de Paradela de entre 600 e 2.5000 m2; outros 3 no polígono de Saavedra de Begonte con superficies de 10.000, 43.000 e 2.000 m2 respectivamente; e no polígono industrial de A Rasela, en Baleira, hai 12 parcelas dispoñibles de entre 600 e 2.800 m2.
Gasóleo Granxa Gayoso Castro
A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a adxudicación do contrato para o subministro de gasóleo tipo B para as máquinas da Granxa Gayoso Castro por un importe de 18.145€ á empresa Luguesa Distribuidora de Gasóleos SL, cunha duración dun ano, coa posibilidade de prorrogalo ata un máximo de tres máis. Este é un paso que permitirá á Deputación que todos os servizos que se prestan na Granxa Gayoso Castro estean baixo contratos, mellorando en transparencia e eficiencia dos recursos públicos.