A institución provincial colabora co Concello para ofrecer o Belén Viveiro ante o Berce cunha achega de 35.000€, que permite a instalación deste recurso que cada ano atrae a numerosos visitantes. Sitúase no entorno da Igrexa de Santa María e fronte ao convento das Dominicas, no centro histórico da cidade do Landro.
O Concello de Viveiro foi recoñecido por este proxecto na última edición dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense, promovidos polo Consello Provincial de Turismo, un ente que impulsou e que preside a Deputación de Lugo.
Ademais desta colaboración económica para impulsar o turismo durante as datas de Nadal, a Deputación achega ao Concello de Viveiro 500.000€ a través do Plan Único deste ano 2022 para desenvolver actuacións municipais. Así mesmo, o Presidente anunciou un investimento de 100.000€ en Viveiro para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo.
Visita a ASPANANE
Durante a visita ao municipio mariñán, José Tomé tamén se achegou a coñecer as instalacións de ASPANANE. A institución provincial colabora con esta entidade cunha achega de 5.000€ ao ano para a promoción dun programa de apoio na atención e coidados a persoas con necesidades especiais.
A través deste acordo, a entidade viveirense conta cun coidador para o Centro de Día, que serve de apoio para a realización das actividades básicas da vida diaria. ASPANANE dispón dun Centro Ocupacional e un Centro de Día para persoas con Discapacidade Intelectual.