A xornada de mobilizacións do domingo 30 vaise desenvolver de xeito conxunto en Galiza, Euskal Herria e Catalunya en resposta ao novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral que significa maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva.
Na nosa provincia desenvolveranse as seguintes mobilizacións:
LUGO: MANIFESTACIÓN ás 12h, desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla)
VIVEIRO: CONCENTRACIÓN ás 12h, na Praza do Concello
Non hai derrogación real
Coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP.
No acordo do “diálogo social” do que emana esta nova normativa, tanto o Goberno como UGT e CCOO pregáronse aos intereses da patronal. O pacto social evidénciase unha vez máis como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras.
O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira:
O despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos.
Non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.
Non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei.
Segue en vigor o 10% da desregulación da xornada laboral.
Incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que afondarán na precariedade. Ademais, créase unha nova modalidade de traballador/a precario/a baixo o novo contrato fixo-discontinuo.
A nova modalidade de ERTE facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas a Seguridade Social, mentres argumentan que a caixa das pensións está quebrada.
Mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos salarios