Cervo, 22 de decembro de 2021. Despois da resolución do DOG número 236, publicado o pasado venres 10 de decembro de 2021, xa se pode plantar pataca en todo o termo municipal do Concello de Cervo.
Nesta orde establécese que o Concello de Cervo pasa a considerarse zona tampón. Esto quere dicir que os agricultores de todas as zonas tampón declaradas en Galicia deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo II da Orde do 6 de xullo de 2021 (DOG núm. 138, do 21 de xullo).
Poderá presentarse na oficina agraria comarcal máis próxima ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou a través da sede electrónica da xunta (https://sede.xunta.gal/portada) utilizando o procedemento MR465C. Co obxectivo de facilitar as cousas aos nosos agricultores, as xestións de presentación deste modelo establecido no anexo II da Orde do 6 de Xullo de 2021, poderán tramitarse no Rexistro Xeral do Concello de Cervo.
A concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, sinala que “é unha boa noticia que os nosos agricultores e agricultoras poidan plantar pataca en todo o municipio” e apunta que “para facilitar esta labor, desde o Concello de Cervo poderanse levar a cabo os trámites necesarios para informar das parcelas nas que se cultivou o tubérculo”.