Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro vivirá o día 31 unha nova edición da San Silvestre solidaria para nenos e adultos

Viveiro, 20 de decembro de 2021. O Concello de Viveiro acolleu hoxe a presentación da Carreira San Silvestre 2021, que se celebrará o venres 31 de decembro, saíndo as 16:00 horas os nenos e ás 17:00 horas os adultos dende a praza Maior.

A carreira está organizada polo Concello de Viveiro e o CD Egovarros. Na presentación estiveron a alcaldesa, María Loureiro, o concelleiro de Deportes, César Iglesias, e representantes do CD Egovarros e da Asociación Gadoupas.

A carreira de nenos consistirá nun percorrido arredor do casco histórico e, no caso de adultos, terá unha duración aproximada de catro quilómetros e o percorrido será polo paseo marítimo (ida e volta).

É unha proba non competitiva, na que se deberán respectar todas as medidas e protocolos Covid-19, e será unha carreira solidaria coa Asociación Protectora de animais Gadoupas Viveiro. Recolleranse donativos en metálico e comida para os animais.

“Con prudencia e responsabilidade, recuperamos esta carreira para pechar o ano da mellor maneira posible, cunha actividade deportiva e ao mesmo tempo solidaria”, afirmou María Loureiro.

A Asociación Gadoupas quere tamén facer constar o seu agradecemento por contar con eles para este evento, indicando que non están pasando por un bo momento na asociación e que toda axuda lles vén moi ben.

Piden aos veciños e veciñas que sexan responsables no nadal regalando animais, “que en moitas ocasións acaban sendo recollidos no verán polas propias protectoras”, explicou Esperanza Fresneda, tesoreira da asociación, que estivo na presentación da carreira.

Exit mobile version