Saltou ao parqué de Vista Alegre o Pescdos Rubén fronte a un rival organizado en defensa, aínda que con pouca seguridade en finalización, ante o que as Guerreiras tiveron que aplicarse a fondo con paciencia de lonxe para ir atopando aos poucos os ocos. As pupilas de Lucas conseguiron chegar ao descanso con vantaxe de 1-0, coa maxia de Cilene restando 1’48” da primeira parte; a 6 burelista aproveitou para recuperar tras saque de banda visitante e facer un gran recorte a Almudena. Merecérano as galegas, con ata tres paus nos compases anteriores, nos minutos 17 e 18, con Emilly e Dany como grandes protagonistas.
Buscou o segundo o conxunto mariñán no regreso. Tras unha boa chegada de Cilene cun pé moi oportuno de Almudena chegando ao 30 de xogo, Roldán dispuxo da súa grande oportunidade con Patricia contra o pau. Responderon as de Lucas cun gran pase de Cami que non puido conectar con Dany. A alianza entre Jozi e o pau evitaron o empate das de Joaquín Peñaranda no 34, con Alba Gandía. O traveseiro volveu ser o obstáculo das laranxas para o segundo, con Emilly desde saque de esquina de Bea Mateos. Restaban aínda cinco minutos de xogo. Con 1’40” para a bucina final, Roldán apostou por porteira xogadora fronte a un Burela que soubo como aferrarse aos tres puntos.
Copa Galicia, con Ourense
A XV Copa Galicia pechará 2021 para as Guerreiras Laranxas, no partido de ida de semifinais; será o mércores 22, en casa do Ourense Envialia (20.30 horas, Os Remedios).
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Cilene, Peque, Irene Samper, M. Cortés, cinco inicial; tamén xogaron Cami, Dany, Bea Mateos, Emilly, Elena Aragón, Jozi Oliveira
STV Roldán FSF: Almudena, Andrea, Alba Gandía, Consuelo, Marián, cinco inicial; tamén xogaron Mayte Mateo, Patricia, Ángela, Magiángeles, Laura, Toñi, Cristina Goles: 1-0, minuto 19, Cilene
Árbitros: Amor Vizoso // Darriba Villamor. Por Roldán amarela a Consuelo (minuto 14), Toñi (minuto 19).
Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira RFEF Feminina disputado en Vista Alegre.