Site icon Crónica3.com A Mariña

Vega destaca “a aposta da Xunta pola dinamización de Ribadeo ao declarar unha Área Rexurbe”

Ribadeo, 30 de decembro 2021. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que “a Xunta continúa aposta por Ribadeo de cara á súa dinamización coa declaración dunha Área Rexurbe, a quinta declarada en Galicia”.

Vega explica que se trata dunha área de rexeneración urbana de interese autonómico dirixida á recuperación urbanística; pero que tamén inclúe medidas de dinamización social, demográfica e económica.

A proposta comprende 407.000 m2 (1.059 edificios e 1.390 vivendas) e recolle a recuperación e potenciación de zonas verdes na rúa Virxe do Camiño, na capela do mesmo nome; a reparación do castelo de San Damián, declarado Ben de Interese Cultural; a apertura do centro histórico co porto e a súa conexión co mercado e os distintos servizos.

O voceiro popular explica que “todas estas medidas deberán estar recollidas no plan de dinamización que deberá redactar o Concello”. Nese sentido, urxe ao goberno local a “poñerse a traballar de cara á recuperación e dinamización da nosa vila” e recórdalle que dispón dun modelo elaborado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Áreas de Rehabilitación Integral
En materia de rehabilitación de vivendas, Vega lembra que “en Ribadeo están declaradas dúas ARI (Áreas de Rehabilitación Integral): a Vila de Ribadeo e o núcleo de Rinlo. Entre o convenio en execución e a repartición de 2021, ao concello xa lle foron asignados máis de 650.000 euros”.

Vega indica que “as vivendas do termo municipal de Ribadeo tamén se poden acoller ás axudas que xestiona directamente a Xunta por pertencer á ARI supramunicipal dos Camiños de Santiago”. Foron tres os solicitantes que recibiron axudas no ano 2021 por un importe total de preto de 15.000 euros.

Exit mobile version