González Formoso chamou aos representantes institucionais de Galicia con voz en Europa para defender unha aposta común que permita “compatibilizar a sostibilidade medioambiental coa sostibilidade económica e social da que dependen milleiros de familias en Galicia”. O responsable socialista sinalou que a evolución na eficiencia enerxética dos buques debe ser apoiada polas administracións públicas.
Engadiu que as entidades que obrigan a mudar o modelo enerxético da flota deben de acompañar ao sector con liñas de financiamento que habiliten ese cambio de modelo, así como fixar axudar á renovación das flotas. Salientou a necesidade de actualizar os buques para os requisitos da nova realidade do sector, con tempos de faena máis amplos, ou á necesidade de dispoñer de máis espazo a bordo.
O responsable socialista analizou xunto coa directiva de Arvi a situación do sector, sinaladamente logo da sinatura do acordo de pesca comunitario e a súa incidencia na flota pesqueira galega. Lembrou que a flota de arrastre supón o 80 por cento da produción pesqueira de Galicia, un sector do que só en Vigo dependen 30.000 postos de traballo.
Así o dixo logo dun encontro co presidente da cooperativa de Armadores, Javier Touza, que asistiu ao encontro no que tamén participaron a portavoz de Pesca do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, a parlamentaria viguesa Leticia Gallego, o parlamentario no Congreso Javier Cerqueiro e o eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares.
Arvi
O responsable da cooperativa de Armadores, Javier Touza, sinalou que “todo o que sexa redución de cotas son malas noticias” e felicitou aos socialistas galegos pola “boa laboura na defensa dos intereses de España e Galicia por parte do ministro de Agricultura e Pesca” na recente negociación dos TACs e cotas de pesca para o próximo ano.
Apuntou á incertidume da flota pola extensión das bonificacións fiscais ao gasóleo, sinaladamente logo do incremento de custes de combustible, que aumentaron un 98,6 por cento nun só ano. Salientou o esforzo por empregar enerxías transitorias ata o momento que sexa viable o obxectivo de cero emisións.
Touza apuntou que “entendemos á pesca como parte da solución e nunca como parte do problema”, logo de sinalar os esforzos por compatibilizar a flota de arrastre co respecto ao medio ambiente mapeando os fondos marinos para limitar a pesca en zonas sensibles.
Alertou da demonización deste tipo de pesca que resulta fundamental para Galicia en zonas como Gran Sol, África, América do Sur, a zona Nafo e Atlántico Noroeste, así como para a flota litoral.