Así o dixo logo dunha xuntanza de traballo coa ministra de Industria, Reyes Maroto, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e os alcaldes e representantes socialistas da comarca para valorar a situación logo da sinatura do acordo de Alcoa cos traballadores de San Cibrao.
O líder dos socialistas galegos explicou que a Comisión de Seguimento do acordo traballará de forma “viva” e estará composta por “interlocutores aplicados, e sobre todo con compromisos reais e permanentes por parte das administracións presentes”. Sinalou así que o Ministerio de Industria será “garante de que a palabra dada –por Alcoa aos traballadores- se cumpra”.
O responsable socialista trasladou o “respecto absoluto” do PSdeG e dos alcaldes da Mariña, na liña do que vén sinalando o Ministerio de Industria, polo acordo votado maioritariamente polos traballadores da empresa. Advertiu que “a cidadanía da Mariña non se pode permitir que os investimentos previstos nos acordos e as melloras laborais se convertan en papel mollado”.
Reyes Maroto
A ministra de Industria confirmou que o goberno “seguirá a deixarse a pel para que a Comisión de Seguimento” garanta que “a planta volva producir aluminio” en prazo e que “a Mariña teña futuro”, recuperando a súa “condición de lugar de oportunidades”. Sinalou que o acordo “non nos satisfai” pola parada das cubas, pero apuntou que “as familias poden estar tranquilas polo mantemento dos postos de traballo”.
O goberno central, dixo, “velará polo cumprimento” do comprometido, para que os contidos do convenio “se traduzan en feitos” e subliñou que “non podemos faltarlle á Mariña”. Engadiu que “Alcoa pediu a confianza dos que estivemos defendendo a planta, e esixímoslle á empresa o cumprimento dos fitos e que gañe a confianza das familias e dos traballadores que hoxe ven o seu futuro con preocupación”.
Sinalou que o compromiso do goberno pasa por “estar traballando a carón dos traballadores e do Comité de Empresa, esixíndolle tamén á Xunta o seu compromiso e responsabilidade”. Advertiu que “se trata dunha solución na que temos que sumar e o goberno galego non pode quedar de perfil”.
Afeoulle ao executivo autonómico a súa “ausencia” nos meses de negociación nos que provocou un “elemento de frustración para todos os que estivemos buscando solucións”, e así llelo trasladaron na Comisión de Seguimento.
Deputación
Na mesma liña se pronunciou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen ofreceu a institución a colaborar na vixilancia do cumprimento do acordo por parte da empresa que, dixo, “non é para estar contentos, pero é o mellor acordo posible nestas circunstancias”.
González Formoso e Tomé mantiveron unha xuntanza de traballo coa ministra de Industria Reyes Maroto logo da celebración da primeira reunión do Comité de Seguimento do acordo entre Alcoa e o Comité de Empresa. O encontro contou coa presenza de alcaldes e portavoces socialistas dos concellos da Mariña.