Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentadas as conclusións do proxecto Grazelife da UE sobre os cabalos salvaxes en Galicia, con área de traballo no Xistral

A Coruña, 9 de decembro, 2021. 2021. O sistema tradicional dos cabalos salvaxes, ou bestas, en Galicia está en perigo. O proxecto Life GrazeLIFE, unha iniciativa financiada pola Unión Europea que promove a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros, alerta de que “deben tomarse accións para previr o colapso do sistema tradicional de bestas en Galicia”. “Debemos dar o paso xa, antes de que sexa demasiado tarde”, alerta este estudo no que participou un equipo de investigadores da Universidade da Coruña (UDC) liderado polo profesor Jaime Fagúndez e que leva por título Os cabalos salvaxes de Galicia. Contexto socio-económico e beneficios ambientais. O caso de estudo de Galicia no proxecto Grazelife (LIFE18 PRE NL 002).

O equipo de científicos da Universidade da Coruña integrado por Jaime Fagúndez, Laura Lagos, José Antonio Cortés Vázquez e Flávia Canastra presentou hoxe vía online ante a Comisión Europea as conclusións deste traballo. A UDC é socia do proxecto Life GrazeLIFE, unha iniciativa europea con socios en oito países que se desenvolveu entre os anos 2019 e 2021 e contribuíu co estudo dos cabalos salvaxes de Galicia fronte a outras alternativas de xestión do monte. A conclusión é clara: ou as Administracións públicas toman medidas urxentes ou a curto prazo chegará o colapso do ecosistema de cabalos en liberdade en Galicia, que aporta biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios fronte a modelos baseados na repoboación forestal ou no abandono de terras. Os científicos da UDC, no seu informe, plantexan, como posibles solucións eliminar o microchipado nestes animais, aplicar medidas para reducir accidentes de tráfico e outros conflitos, fixar o pago por presenza de lobos, modular o sistema de axudas da PAC ou limitar a explotación forestal nestes territorios.

Os expertos elixiron como áreas de traballo a Serra da Groba, no sur da provincia de Pontevedra; e o sur da Serra do Xistral, no norte da de Lugo. Por que estas zonas?

Porque representan as dúas situacións das bestas en Galicia. No norte, no entorno dos concellos de Abadín e Vilalba, un espazo da Rede Natural 2000 dominado por queirogais húmidos e turbeiras nos que as bestas son de gandeiros profesionais de vacún e hai presenza de lobo. No sur, no entorno do concello de Oia, unha zona con clima máis cálido e seco, con repoboacións forestais e frecuentes incendios. Os cabalos son propiedade de besteiros non profesionais e os curros son acontecementos sociais de calado. Temos así a representación dos distintos ecosistemas de Galicia, máis húmido e máis seco.

Cales son esas conclusións que os investigadores da UDC trasladaron a Bruselas? Pois que os beneficios que xeran os cabalos salvaxes de Galicia “poden contribuír a resolver algúns dos problemas derivados da emerxencia climática, da despoboación e o vailerado do rural e da crisis de biodiversidade”. Pero, iso si, “se a Unión Europea e os seus Estados Membros”, en definitiva as diferentes Administracións públicas, “se comprometen a aplicar as políticas e normativas dun xeito máis eficaz”. O investigador Jaime Fagúndez alertou ante a Comisión Europea que se non se poñen en marcha unha serie de accións, a curto prazo “pode desaparecer” este sistema tradicional de cabalos en liberdade na comunidade autónoma galega, que “é un legado cultural único de gran conexión coa historia de Galicia, a súa paisaxe rural e os valores naturais”. O equipo de investigadores, a través do seu traballo, lanza a mensaxe de que “a poboación galega e os seus dirixentes políticos a todos os niveis temos e teñen a responsabilidade de salvagardar este tesouro para as xeracións futuras”.

O sistema de bestas en Galicia xera beneficios e é eficiente fronte a alternativas como a repoboación forestal, a gandeiría sobre pastizais artificiais ou o abandono de terras. O traballo Os cabalos salvaxes de Galicia. Contexto socio-económico e beneficios ambientais lembra que “as áreas de pasto das bestas inclúen diferentes tipos de queirogal que achegan valores ecosistémicos como unha gran biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios”. Estes grandes herbívoros en liberdade, ademais, aportan externalidades positivas. Cales? Pois que ao consumir especies arbustivas, principalmente toxo, aumentan a calidade dos pastos e reducen así os custos de roza mecánica para a prevención de incendios, segundo Life GrazeLIFE.

Qué medidas recomenda o equipo de científicos liderado por Jaime Fagúndez para preservar o sistema de bestas en Galicia? O traballo feito coa financiación da UE e dentro do proxecto Life GrazeLIFE, baseándose nos valores culturais e nos beneficios ambientais asociados, propón “unha regulación específica para os territorios galegos con este sistema tradicional”. As recomendacións detalladas polo informe da UDC e que precisan do compromiso e implicación das Administracións públicas serían, entre outras, o impulso do turismo de natureza asociado aos cabalos; que os animais poidan estar no monte sen necesidade de microchip, excepción recoñecida no Regulamento Europeo EU 2015/262 para as poboacións de équidos que viven en liberdade ou semi-liberdade; o establecemento de medidas como peches perimetrais para evitar accidentes nas zonas próximas a estradas; a mellora da sinalización de tráfico para advertir da presenza de bestas; un sistema público de seguro a terceiros para cabalos en liberdade; o pagamento por presenza de lobos en lugar de indemnización de danos por cada ataque; axudas da Política Agraria Común (PAC) baixo o criterio de conservación do hábitat; cambios no cálculo da carga gandeira cando hai bestas e evitar a transformación dos queirogais en usos de menor valor ecolóxico e cultural como os eucaliptais ou pastizais artificiais”.

“Estas e outras medidas deben garantir a protección das poboacións existentes de bestas nas montañas de Galicia, e os bens e servizos que nos achegan a toda a sociedade galega”, conclúe o informe Os cabalos salvaxes de Galicia.

Exit mobile version