Xunto cos recursos propios da Deputación, no Plan de Viabilidade Invernal traballarán 7 empresas cunha ampla experiencia na resolución de incidencias viarias causadas pola neve e o xeo. En concreto, o dispositivo está composto por 112 operarios e 48 máquinas, ademais de 12 silos que a institución provincial ten distribuídos por toda a provincia e que dispoñen de 420 toneladas de sal de mina.
O Plan de Vialidade Invernal divídese en 8 zonas, todas dotadas con medios suficientes para facer fronte coas maiores garantías posibles ás emerxencias que poidan xurdir. Dos 4.200 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas.
Durante a presentación, o Presidente estivo acompañado do Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, do Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo Magdalena, do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, do Alcalde de Ribeira de Piquín e Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, do Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, tamén do de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, e do de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereira.
Balance da temporada anterior
Segundo os datos do servizo de Xestión Territorial da Deputación, o operativo realizou preto de 600 intervencións na pasada tempada, tanto preventivas como paliativas. As actuacións máis importantes producíronse en dúas nevaradas que se rexistraron no Nadal e nos primeiros días do mes de marzo. En total, foi preciso utilizar preto de 4.000 toneladas de fundentes, destacando sobre todo as intervencións nas vías que transcorren polos concellos de Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, Cervantes, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.
Apoio aos concellos
O Plan de Vialidade Invernal leva consigo poñer a disposición dos concellos da provincia sal de mina para que poidan atender os problemas que se produzan nas estradas municipais debido ás condicións meteorolóxicas adversas. Deste xeito, a Deputación garante non só que as vías provinciais se manteñan limpas e fóra de risco, senón tamén que os concellos poidan afrontar situacións de emerxencia ou causas sobrevidas en calquera estrada subministrándose dos silos que a Deputación ten por todo o territorio provincial.
Estes depósitos atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil. Cada un destes almacéns dispón nestes momentos de 30 toneladas de sal de mina, isto é, dun total de 420 toneladas.
Todos os concellos que precisen abastecerse de fundentes por razóns de urxencia deberán dirixir unha solicitude previa ao Coordinador de Emerxencias da Rede Viaria Provincial co obxectivo de dar unha resposta eficaz e axeitada a cada unha das peticións, así como facer un control ordenado dos recursos.
17,3 M€ para estradas no 2022
A Deputación destina para o contrato para a prestación do servizo de conservación e mantemento das estradas de titularidade provincial un importe de 5,2M€. Neste contrato inclúense todas as tarefas necesarias para a conservación e o mantemento das estradas, e para a atención de emerxencias, causas sobrevidas e consecuencias das inclemencias meteorolóxicas que afecten á rede viaria provincial.
A mellora da mobilidade é unha das liñas de actuación prioritarias do Goberno provincial, tal e como demostra que nos Orzamentos do ano 2022 suben de novo as partidas destinadas a estradas ata alcanzar os 17,3M€.