Como novidade, ambas entidades habilitaron unha páxina web, www.lugoencifras.org, que permite a descarga das dúas publicacións editadas pola CEL co apoio da Deputación de Lugo, así como as editadas a través da Fundación CEL ata 2010; a procura de ítems nas publicacións e a consulta das fontes ás que se recorre para a elaboración deste estudo.
O Presidente da Deputación de Lugo destacou durante a presentación que esta é “unha publicación de gran utilidade porque, tanto as administracións públicas, como as empresas, os inversores ou o tecido social no seu conxunto, necesitan información fiable para poder planificar e desenvolver proxectos realistas e viables”. Lugo en Cifras é, engadiu, “retrato obxectivo do que somos, coas nosas fortalezas, e tamén con aquelas cuestións que debemos mellorar”.
“Mostra o que somos hoxe e danos indicios do que podemos chegar a ser no futuro, se aproveitamos o talento e as potencialidades da provincia, e se corriximos aquelas magnitudes que non alcanzan aínda os valores que desexamos”, asegurou o Presidente.
Neste sentido, José Tomé sinalou que “estamos nun momento de inflexión, no que o traballo centrado en superar a crise derivada da pandemia debe camiñar da man do interese por mellorar e por completar os procesos produtivos. A provincia debe ter voz e iniciativas para aproveitar esta situación, para dar valor engadido ás materias primas a través da súa transformación no propio territorio”.
Así mesmo, incidiu en que “a crise das cadeas de distribución ratifica a importancia que sempre tivo o sector primario, sobre todo no que respecta á produción de alimentos. Un sector no que estamos apostando pola calidade e pola innovación na provincia. Os xogos de intereses das grandes multinacionais, sen raíces no territorio, aconsellan redobrar esforzos para atraer investimentos, pero, ó mesmo tempo, apoiar ás pemes e ás empresas locais, que crean riqueza dun xeito sostible”.
“Estes son soamente dous exemplos de liñas de traballo que creo que debemos ter en conta no noso futuro. Dous exemplos das ideas que xorden cando un repasa as páxinas de Lugo en cifras. Unha publicación que rende un dos mellores servizos que se lle pode facer á provincia de Lugo: estudar a nosa realidade, dala a coñecer, e invitarnos a todos a traballar para mellorala”, afirmou o Presidente.
Radiografía
Lugo en Cifras 2021 ofrece unha radiografía puntual e exhaustiva da situación social e económica real de Lugo. Recompílanse datos de diferentes fontes oficiais (de poboación, sociolaborais, de demografía empresarial, comercio exterior…), polo que este ano fundamentalmente recóllense cifras pechadas e provisionais de 2020 e, nalgúns casos, por falta de dispoñibilidade, de anos anteriores.
Ao entrar ao estudo de datos, a CEL esperaba ver reflectido xa o impacto da crise sanitaria da COVID-19. Con todo, e en palabras de Jaime López, “o certo é que finalizado o informe os principais indicadores non sofren grandes variacións nin se detectan grandes cambios na radiografía que facemos da provincia salvo en tres puntos: nos datos de poboación, onde é máis perceptible que nunca o descenso da poboación maior de 65 anos, nos datos laborais, co aumento do paro e o descenso de contratacións na maioría das comarcas e, por suposto, nos datos de ocupación turística, onde se ve un abrupto descenso do número de viaxeiros que pasaron pola nosa provincia”.
Outros datos destacables do estudo é que no debuxo demográfico da provincia se segue ampliando o despoboamento e o envellecemento, que non logra paliarse a pesar do incremento de poboación estranxeira na maioría das comarcas. “O envellecemento e o despoboamento da nosa provincia é un feito cada vez máis sanguento e o noso principal talón de Aquiles”, aínda que “certo é que podemos presumir de lonxevidade”, indica o secretario de la CEL. Vese así que continúa medrando a idade media dos lucenses, que pasa de 49,8 anos en 2019 a 50,14 en 2020, ademais de que a maior porcentaxe de poboación se sitúa nas franxas de 35 a 84 anos e maiores de 85.
Outro dato neste debuxo é o cada vez maior peso dos fogares de parellas sen fillos, que mesmo gañan terreo aos monoparentais.
No ámbito económico, a provincia de Lugo achega un 12,36% do PIB de Galicia (dato neste caso a peche de 2018) e levemente inferior ao dato do exercicio anterior. Servizos, seguido de industria, sector primario e construción son os sectores que máis moven na economía provincial.
A nivel laboral, a maioría dos máis de 137.000 traballadores que exercen na provincia de Lugo dedícanse por tanto, ao sector servizos (67,13%), que a pesar do descenso relativo anotado no ano 2020, foi incrementando progresivamente a súa importancia co paso dos anos. Séguelle a agricultura (12,49%), industria (10,29%) e construción (6,28%). A agricultura continúa, lentamente, perdendo peso. Entre outros factores, o abandono do campo por parte das novas xeracións ten, segundo Jaime López, moito que ver.
Asemade, a taxa de paro no 4º trimestre de 2020 situouse no 8,25%, mentres que era do 11,66% en Galicia. Destacan dende a CEL neste punto que se detecta na análise de datos comarcais un aumento notable do paro na maioría de comarcas e un descenso do número de contratos rexistrados con respecto aos últimos anos. Quizais neste punto se poida explicar co efecto COVID-19, aínda que haberá que ver a evolución en anos próximos segundo a CEL.
Do mesmo xeito, para ver cara onde se dirixe o mercado laboral lucense, a análise das ofertas de traballo revela que o posto máis ofertado polas empresas lucenses en 2020 continúa a ser o de camareiro, aínda que baixa un pouco respecto ao ano anterior aglutinando o 25,10% das ofertas fronte ao 39,54% de 2019. O posto máis demandado polos traballadores continúa a ser o de vendedor en tendas e almacéns, seguido de limpiador/a.
A maioría de las 24.432 empresas teñen con sede social en Lugo (unha cifra levemente inferior a do ano anterior, nun 1,45%) son microempresas sen asalariados ou pemes con 1 a 9 empregados e reflíctese xa un descenso do número de sociedades constituídas non ano 2020 con respecto ao 2019, un 6,19% menos sociedades limitadas e un 5,60% menos de sociedades mercantís), probablemente un sinal tamén da crise sanitaria, a confirmar en próximos estudos.
Lugo en Cifras 2021 tamén subliña o continuo incremento do uso do TIC por parte das empresas galegas, así como que Lugo continúa perdendo peso no exterior. No último exercicio analizado Lugo exportou ao redor dos 585 millóns de euros e importa case 725 millóns de euros, o que deixa de novo unha balanza comercial negativa co exterior por valor de preto de 140 millóns de euros. Dende 2015, no que se produciu un pico, o peso exportador da provincia non para de minguar e a gran maioría, máis do 80%, segue a producirse cara países da Unión Europea.
Outros datos que destacan na publicación deste ano son que continúa aumentando o peso da agricultura ecolóxica na provincia, que segue sendo a que máis superficie destina a este tipo de cultivos, así como o continuo descenso tanto do número de oficinas de entidades de crédito como do número e importe das hipotecas asinadas.