Lugo, 30 de novembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves en Santiago nunha reunión coa Ministra de Industria, Reyes Maroto, alcaldes e alcaldesas da comarca da Mariña e o titular da institución provincial da Coruña, Valentín González Formoso, un encontro no que se analizou o acordo asinado pola multinacional Alcoa e os traballadores da factoría de San Cibrao co compromiso de que non haxa despidos.
José Tomé valorou a capacidade de mobilización dos traballadores e das administracións. “Conseguiuse sentar a negociar a unha empresa que, nun primeiro momento, non quería facelo”. Para o Presidente da Deputación de Lugo, o feito de ter chegado a un acordo “apoiado por ampla maioría da masa social dos traballadores é positivo. Outra cousa é que sexa o mellor acordo posible. En todo caso, como dixo o alcalde de Foz, é o mellor posible neste momento, nestas circunstancias”.
O acordo contempla o apagado das cubas por un período de dous anos, para reiniciar a produción de aluminio no ano 2024, así como un investimento de 90 millóns de euros na planta de aluminio. “En todo caso, teremos que estar vixiantes, e así se comprometeu facelo o Ministerio de Industria, para que Alcoa cumpra punto por punto o pactado cos traballadores e se recuperen as cubas no momento de facelo”, asegurou José Tomé.
Na súa opinión, a multinacional americana “non xogou de boa fe, non xogou claro neste proceso”, e aludiu ao acordo para subministro de enerxía eléctrica acadado por Alcoa coa empresa Greenalia para o período 2024-2034. “Alcoa sempre dixo que o problema era o prezo da enerxía e vese que non é certo. Que tiña outros plans, outras estratexias”.
O Presidente sinalou que a Deputación de Lugo vai estar sempre “no apoio ao tecido industrial, aos traballadores, ás familias e tamén ás empresas auxiliares, porque empresas como Alcoa ou Vestas son fundamentais para A Mariña e para a provincia”. Neste sentido, abriu a porta algún tipo de colaboración, “que haberá que valorar”, co Ministerio de Industria.
O mandatario provincial insistiu na necesidade de que a Xunta de Galicia presente “un plan de reindustrialización para A Mariña, porque a comarca ten que contar cunha estratexia global para reverter o proceso de perda de actividade empresarial, e é a Xunta a que ten as competencias en industria”.