Alfoz, 16 de decembro, 2021. Este domingo 19 de decembro, ás 18:00h, no Salón de Actos da Casa da Cultura, Fran Rei presenta un novo espectáculo unipersoal que mestura narración oral, humor e maxia: “O conto de Barriga Verde”. Escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela), O conto de Barriga Verde pretende ser un achegamento á poesía. Teatro para todos os públicos.
Ao remate da función teatral terá lugar a entrega de premios do XIX Concurso de Postais de Nadal que un ano máis organiza a Biblioteca Pública de Alfoz. O alumnado do CEIP Castro de Ouro participou neste certame estruturado en tres categorías: educación infantil, 1º ciclo de educación primaria e 2º ciclo de educación primaria. As postais premiadas serán ademais a imaxe dos calendarios que o Concello de Alfoz elabora como felicitación de Nadal para todos os veciños e veciñas. Esta actividade está incluída no Plan Único da Deputación de Lugo, Área de Cultura.