Viveiro, 16 de decembro, 2021. O goberno municipal non adoita responder publicamente ás descalificacións que o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Óscar Rodríguez, vén facendo dende que tomou posesión como concelleiro na oposición en xuño de 2019, pero vémonos obrigados a contestar cando se dá unha información que afecta aos veciños e veciñas de Viveiro distando totalmente da realidade.
Neste sentido, véxome obrigada a aclarar o procedemento levado a cabo na solicitude da subvención en réxime de concorrencia non competitiva correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.
En primeiro lugar cómpre aclarar que as axudas do Fondo de Compensación Ambiental, financiado cos ingresos obtidos no canon eólico, contan cunha liña de concorrencia non competitiva na que se contemplan as cantidades concretas que por este concepto lle corresponden a cada Concello. Trátase dunha subvención concedida pola Xunta de Galicia na que se establecen as cantidades máximas asignadas a cada un dos concellos beneficiados, cantidades que están definidas na orde na que se regulan as bases e convocatoria. Trátase, polo tanto, dun importe finalista e que lle corresponde ao Concello de Viveiro.
Nesta anualidade, o Concello de Viveiro solicitou esta subvención para executar as obras de “Reposición de pavimentos, red de sumideros y red de abastecimiento de agua en aceras sitas en Magazos-Viveiro”, tendo en conta as carencias existentes con respecto ás beirarrúas de diferentes zonas do concello e que se trata de actuacións costosas, que cómpre ir execuntado pouco a pouco; ademais, cabe indicar que a execución destas obras formaba parte do acordo adoptado polo equipo de goberno e o grupo municipal Por Viveiro para a aprobación dos orzamentos deste ano 2021.
A tramitación desta subvención realizouse seguindo os criterios e interpretacións técnicos atendendo á Orde da convocatoria. Unha vez presentada a solicitude recibiuse un requirimento da Xunta de Galicia totalmente incongruente con este expediente no que, en vez de facer referencia ás obras para as que se pedía a subvención, referíase ás obras executadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental do ano anterior, xa xustificadas e correspondentes a un expediente xa plenamente rematado que non gardaba ningunha relación coa solicitude presentada polo Concello de Viveiro para o 2021. Tras comunicarlle dende o Concello á Xunta de Galicia esta circunstancia recíbese un novo requirimento, nos mesmos termos, e nesta ocasión referido ás obras actuais. Este proceder parece denotar xa unha certa predisposición para poñer trabas na tramitación desta subvención.
Contestado ao novo requirimento remitido, xa se nos informou verbalmente que a solicitude ía ser inadmitida por interpretarse por parte da Xunta de Galicia que non se cumprían a totalidade de requisitos esixidos pola Orde. Con posterioridade recibiuse resolución de inadmisión da solicitude da subvención presentada, fundamentándose en que as autorizacións sectoriais da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e Augas de Galicia foron concedidas en data posterior ao remate do prazo de solicitudes. Sen embargo, a sectorial da AXI xa estaba antes de finalizar o prazo e a de Augas de Galicia foi tramitada como declaración responsable, esixindo Augas posteriormente, despois de pasar o prazo para surtir efecto a declaración responsable, que esta sectorial se tramitase como autorización, cando noutras obras de similares características serviu a tramitacion como declaración responsable.
Foi esta diferencia de criterio a que serviu de base para a inadmisión da solicitude de subvención.
No momento no que chega a resolución de inadmisión, o Concello de Viveiro convoca unha reunión cos voceiros dos distintos grupos municipais e na que tamén estiveron presentes os técnicos municipais, para explicar a situación e como se realizara a tramitación.
Nesa xuntanza, na que tamén estaba o voceiro do grupo municipal do PP, ademais de facilitar as explicacións referidas, valorouse a posibilidade de solicitar á Xunta de Galicia que esa cantidade, posto que se trata dunha subvención finalista, na que estaba previsto un diñeiro específico para o Concello de Viveiro, volvese a repercutir neste concello, segundo a posibilidade que se recolle nas bases.
Incluso nesa reunión, por parte dos demais voceiros municipais, propúxoselle ao Sr. Rodríguez Blanco que falase coa Xunta de Galicia, xa que presume do seu contacto con esa administración, para poder dispoñer dese importe e destinalo a outro fin en beneficio de concello, xa que ese diñeiro estaba previsto para Viveiro. Nese momento, o voceiro do PP dixo literalmente que non nos garantía que nos fosen a dar eses cartos.
Finalmente e tendo en conta que non se contaba con garantías de que puidese repercutir ese diñeiro en Viveiro, co acordo dos voceiros municipais, decidiuse presentar recurso de reposición contra a inadmisión da subvención. Non se recibiu contestación ao recurso interposto no prazo legal estipulado, entendéndose desestimado por silencio negativo, sen que a Xunta de Galicia se dignase a responder.
Convócase unha nova reunión de voceiros para valorar a situación e por parte de todos os voceiros municipais, agás o do PP, que foi o único que non se manifestou abertamente, sen opoñerse pero manténdose neutral, acórdase a interposición de recurso contencioso administrativo no xulgado.
Para a interposición de recurso contencioso administrativo resulta preceptivo contar cun informe previo da Secretaría Municipal. Nesta comisión deuse conta dun informe emitido pola Secretaria no que, atendendo aos datos obxectivos do expediente, non se consideraba viable xuridicamente que puidese prosperar o recurso contencioso.
Non obstante, nesa xuntanza decidiuse que, como a defensa e representación do concello está encomendada á Área Xurídica da Deputación de Lugo, sen que isto supoña ningún custe para o concello, se debería interpoñer recurso contencioso administrativo para que sexa un xuíz o que determine se a Viveiro lle corresponde ese diñeiro. A este fin acordouse solicitar un novo informe á Secretaría no que a maiores da consideración sobre a posible viabilidade de prosperar o recurso contencioso, se analizase a procedencia de interposición de acción en conxunción co interese xeral.
Pretende facer ver o voceiro do PP, o Sr. Rodríguez Blanco, que esta Alcaldía neste procedemento actúa en contra do informe da Secretaria Municipal, algo totalmente incerto, xa que non pode compararse un informe de Secretaría emitido en calquera expediente no que se advirta de irregularidades ou do procedemento que hai que seguir ao informe emitido neste caso con carácter previo á interposición do recurso, no que o único que se analiza é a viabilidade de prosperar o recurso, concluÍndo incluso a Secretaria, no segundo informe emitido que se acordou solicitar nesta última reunión, a procedencia deste recurso. Isto evidentemente desvirtúa todas as acusacións realizadas polo voceiro do PP, deixando en evidencia que, unha vez máis, en vez de preocuparse por Viveiro e esperar á conclusión do expediente, pódelle máis a súa ansia por desvirtuar a esta Alcaldesa. Ogallá a mesma vehemencia fose utilizada para defender os dereitos do Concello de Viveiro ante a Xunta de Galicia, cando a administración autonómica publica con nocturnidade e alevosía subvencións un vernes e o luns anuncia que o sábado xa se esgotou o crédito. Parece que esta actuación, pola contra, ao voceiro do PP débelle parecer ben porque non di nada.
María Loureiro García
Alcaldesa do Concello de Viveiro