Site icon Crónica3.com A Mariña

Recepcion no concello a Acisa tralo recoñecemento obtido nos premios nacionais de comercio interior

Ribadeo, 23 de decembro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, recibiron no Concello a Francisco Iriarte e Jesús Pérez, presidente e xerente de Acisa.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo dixo: “quero agradecer ao Concello esta recepción e o recoñecemento que supón para nos. Dende Acisa. queremos compartir co Concello este galardón, xa que unha parte foi conseguido grazas ás súas axudas e as actividades que nestes anos coorganizamos. Actividades ou servizos coma App de Acisa, o proceso de dixitalización da información turística e comercial, as anteriores campañas das Panchas, o Ribadeo Indiano, as campañas de Nadal, feitas en coordinación e colaboración entre ambas entidades, as axudas para materiais e para as diversas actividades de dinamización comercial puideron realizarse mediante convenios e as axudas extraordinarias que nos concederon”.

Pola súa banda o xerente indicou que “na entrega de premios puiden escoitar o importante que é traballar cóbado con cóbado coa administración local, a mais próxima a nos. Ás veces discrepamos, pero sempre dende o respecto e na búsquela dende diferentes puntos de vista do mellor para o tecido económico. É importante destacar que nestes dous anos de pandemia conseguimos axudas extraordinarias que duplicaban e incluso superaban as ordinarias para Acisa por parte do Concello, tamén os avances conseguidos en materia de exección de taxas nas terrazas, así como a posta en marcha de actividades coma as Panchas. Isto é o que de verdade se chama xestionar”.

Iriarte sinalou: “é de agradecer o bo ton, a dispoñibilidade e a cooperación que mantemos entre ambas entidades, sendo conscientes de que somos entes diferentes, pero compartimos un interese común, sacar a diante a economía local”.

O concelleiro de Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, manifestou: “dende o Concello de Ribadeo é un pracer recibir aos representantes de Acisa e trasladarlles o noso recoñecemento por este premio que acaban de conseguir, este accésit outorgado polo Ministerio de Comercio, que se suma tamén a unha recente adhesión á promoción do comercio dos cascos históricos, co que nos equiparamos ás principais cidades e capitais de provincia do Estado español”.

Vizoso Galdo engadiu: “pola nosa parte é unha enorme satisfacción poder seguir colaborando cunha asociación do nivel de Acisa co que aporta para o comercio de Ribadeo. Esperamos seguir celebrando estes éxitos e colaborando estreitamente no futuro”.

Reciclaxe de cartón
A patronal ribadense e o Concello de Ribadeo poñen en marcha unha campaña de concienciación especial para estas datas. Está destinada a comercios, hostaleiros e particulares, baixo o slogan no Nadal enche as rúas de ilusión non de cartón solicitan a empresas e particulares dedicarlle un minuto a pregar os cartóns dos paquetes destas datas e depositalos no interior dos contedores correspondentes, para que os días 25 de decembro e 6 de xaneiro especialmente, Ribadeo luza como debe. “Entre todos seguro que podemos conseguilo”, apuntan.

Exit mobile version