Santiago de Compostela, 12 de decembro 2021. A Xunta iniciará este luns novos traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas nas provincias de Lugo e de Ourense e proseguirá cos traballos xa en marcha en estradas das provincias da Coruña e de Pontevedra.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o pasado mes de xullo estes traballos, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.
A vindeira semana comezarán na provincia de Lugo os traballos de limpeza na estradas LU-111, en Vilalba; e na LU-541, ao seu paso por Vilalba e Rábade. Na provincia de Ourense iniciaranse estas tarefas na OU-531, en Vilar de Santos e Xinzo de Limia; na OU-533, na Gudiña e Viana do Bolo; e na OU-540 en Ourense.
Ao tempo que se inician estas novas actuacións, a Xunta seguirá coas intervencións que está a desenvolver na estrada LU-540, ao seu paso polo municipio de Viveiro. Na provincia da Coruña proseguirán os labores en execución na AC-840, en Oza-Cesuras; na vía de altas prestacións VG-1.4, ao seu paso polo municipio de Fisterra; e na autovía AG-64, en Narón.
Na provincia de Pontevedra prolongaranse os traballos en execución na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín.
Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.
Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta levan permitido, desde o inicio da renovación da encomenda a Seaga, a roza mecánica de máis de 320 quilómetros lineais, actuar nunha superficie de máis de 112.500 m2 de xeito manual; ademais de propiciar a retirada de 1.500 árbores en dominio público de estradas, susceptibles de provocar lumes ou que supoñían un risco de caída na calzada.
Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.
Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas
O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia.