Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o Circuíto de carreiras +Kms Barreiros

Barreiros, 19 de Decembro de 2021. Na mañá deste sábado foi presentado o Circuíto +Kms Barreiros, evento que vai englobar as 6 carreiras populares que anualmente organizan distintas entidades no concello de Barreiros e que estiveron presentes xunto á deputada provincial, Mónica Freire.

Carreira de Reis, Terra Mar, Ao son do Masma, Trail Comado, ½ Vertical e Carreira das praias conforman o evento organizado polo Concello de Barreiros e cofinanciado pola Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo.

Un proxecto que retrasou a pandemia e que servirá para darlle un importante soporte a cada un dos eventos que xa se viñan organizando, xa que a entidade local asumirá gran parte dos custes organizativos de cada carreira. “Poucos concellos poden presumir de contar con tantas carreiras populares, un total de seis e todas cun carácter distinto, percorrendo dende as nosas praias ata os nosos montes durante todo o ano e sendo, sen lugar a dúbidas, un gran escaparate para as persoas deportistas de toda a comarca e arredores” afirma o concelleiro de dinamizacion, Daniel García.

Sistema de puntuación sinxelo no que se valorará a regularidade.
O Circuíto + Kms contará cunha web propia na cal cada carreira terá o seu espazo con diversa información no que se poderá consultar nos vindeiros días o regulamento do circuíto. Segundo afirma Dani García, “decidiuse por un sistema de puntuación sinxelo por posto de chegada xa que ó tratarse da primeira edición e de probas tan dispares calquer outro sistema sería confuso para as persoas participantes”.

Para puntuar será necesario realizar como mínimo 4 das 6 probas que compoñen o Circuíto e ao inscribirse nunha das dúas primeiras carreiras xa se inscribe automaticamente no evento.

A carreira de Reis, o 9 de Xaneiro, a primeira das probas do Circuíto.
A primeira das probas do Circuíto +Kms Barreiros, será a Carreira Popular Solidaria de Reis que organiza o Concello de Barreiros en colaboración, nesta edición, coa Asociación Deportiva Augas Santas. O 30% do recadado nas inscricións será doado á Fundación Xesús Bal y Gay para o seu proxecto socioeducativo “Sinfónico no Rural” que desenvolve en Barreiros durante este curso. A proba contará cunha andaina de 5 ou 10 Kms na cal a inscricción tamén será para ese fin socioeducativo.

A inscrición xa está aberta na web www.championchipnorte.com e nos vindeiros días estará dispoñible a web do evento www.maiskmsbarreiros.gal

Exit mobile version