Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón: “PP e PSOE deben explicar o veto á partida do BNG nos orzamentos do Estado para rescatar Alcoa”

Santiago de Compostela, 3 de Decembro 2021. A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita á cidade da muralla para reclamar como “asunto de país” poñer a Lugo no mapa do tren do século XXI, e acabar cunha discriminación que lle esta facendo perder oportunidades de desenvolvemento económico e social.

“Lugo leva décadas discriminada, cunha autovía inconclusa, sen conexión directa por tren con Santiago e cunha liña decimonónica coa Coruña, hai que situar Lugo no mapa do tren e debe ser unha cuestión de país, posto que hoxe perde oportunidades económicas e de desenvolvemento pola falta de infraestruturas”, argumentou a líder nacionalista.

Para iso, urxe, en primeiro lugar modernizar a liña de conexión coa Coruña e, en segundo lugar, corrixir a anomalía de que esta sexa a única capital de provincia sen conexión directa coa capital de Galiza, sintetizou, enlace que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Compostela.

Benvida a chegada do AVE aínda que sexa con trinta anos de retraso e, de momento só até a Ourense, indicou, “pero o futuro pasa por un tren interior do século XXI que conecte vilas e cidades, capaz de vertebrar o territorio e de xerar oportunidades no económico e no social”. Neste sentido, o BNG emprendeu unha campaña de mobilización buscando a implicación tanto do Goberno central como da Xunta.

Pontón visitou á praza de abastos co grupo municipal liderado polo tenente de alcalde Rubén Arroxo, para coñecer unha das actuacións estrela impulsadas polo Bloque desde o Executivo local: a humanización, e peatonalización de espazos públicos así como a recuperación e modernización de infraestruturas a favor do comercio local e do produto de proximidade.

“Apostar polo local porque crea emprego e ademais potencia unha produción de calidade”, alegou Pontón, proxectos cos que o BNG está “transformando” Lugo para devolverlle a cidade ás persoas e, ao mesmo tempo, facilitar a dinamización económica. “Os mercados municipais son clave, de tal xeito que se recupera un espazo pero tamén se pon en marcha un proxecto de impulso á economía local, dándolle unha vía de comercialización”, indicou.

A líder nacionalista fixo referencia á crise industrial na provincia, con ALCOA e VESTAS como exemplos, “ante un Feixóo que en lugar de buscar solucións busca culpables e non foi capaz de salvar nin unha soa empresa en crise, cando debería estar liderando a intervención pública para salvar a factoría de San Cibrao. PP e PSOE teñen que explicar porqué votaron en contra da emenda do BNG aos orzamentos do Estado precisamente para sufragar esa intervención”.

Criticou tanto a actitude de Feixóo como a actuación da ministra de Industria, Reyes Maroto, “ambos coinciden en vendernos motos mentres votan en contra de que os orzamentos do Estado teñan recursos para poder levar a cabo a intervención pública de ALCOA, enganando á cidadanía. Se a fábrica en lugar de estar en San Cibrao estivese en Madrid, o problema estaría solucionado, porque Ayuso “non é santo da miña devoción, pero non permitiría que lle tomasen o pelo como está pasando con Feixóo”.

En relación a VESTAS, demandou ao xefe do Executivo vincular a concesión de novos parques eólicos a que unha parte dos compoñentes se fabrique aquí, acabando co disparate de que empresas do sector pechen en pleno boom eólico depredador.

Cumprir os acordos
En relación ás últimas declaracións da ministra de Transportes, cuestionando a posibilidade de transferir a Galiza a xestión da AP9, Pontón reclamou tanto a Sánchez como a Feixóo que se poñan a traballar para que esa transferencia sexa efectiva a través da lei que se está tramitando no Congreso, subliñando que as transferencias sempre van acompañadas de recursos. “O Goberno debe cumprir o acordo de investidura co BNG e á Xunta pedímoslle que non torpedee a transferencia dunha infraestrutura básica”, reclamou.

Ademais, lembrou, a propia Comisión Europea acaba de abrir unha vía ao declarar ilegal a ampliación das prórrogas da concesión da autoestrada. “Hai que traballar para conseguir non só a transferencia senón unha AP9 libre de peaxes como xa o son as autoestradas coetáneas”, recalcou.

Exit mobile version